O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de pechar o programa de actividades micolóxicas para este Outono, englobadas nas Xeiras Micolóxicas e que se desenvolverán en diferentes Concellos da Comarca. Estas actividades que son o referente micolóxico na Comarca do Condado levan organizándose desde hai 27 anos de xeito ininterrumpido.
Descubrir o mundo dos cogomelos, a rica biodiversidade existente nos nosos montes, a importancia de todas as especies que aparecen durante esta época e recordar a relevancia da súa conservación son obxectivos que buscan os ecoloxistas do Condado coa realización destas actividades nos concellos do Condado.
Xeiras Micolóxicas en Mondariz Balneario
Será, como hai máis dun cuarto de século, o último fin de semana de outubro, cando comecen as actividades das Xeiras Micolóxicas no Concello de Mondariz Balneario. Así, este ano arrincaremos o sábado 29 de outubro ás 10:00h, cun roteiro micolóxico polos montes próximos, nos que voluntarios do colectivo facilitarán ao público nocións básicas sobre micoloxía en xeral e como identificar algunhas das familias e especies máis abondosas. Sairemos desde o edificio do Concello de Mondariz Balneario.
O sábado pola tarde teremos a fortuna de contar co experto micólogo Jaime Blanco Dios, descubridor de novas especies de fungos no noso territorio. Será unha ben interesante conferencia, no salón de actos do Concello de Balneario ás 20:00h, sobre as novas especies de cogomelos descubertas nos últimos anos no que poderemos albiscar un pouco da amplitude e riqueza do mundo micolóxico no territorio galego.
O domingo pola mañá, o día 30, entre ás 11:00h e ás 14:00h, nos soportais do Concello, teremos unha exposición dos exemplares recollidos durante o sábado, coa presenza de integrantes do Grupo Ecpoloxista Adenco para dar as explicacións oportunas.
As actividades micolóxicas, que continuarán dous fins de semana despois no Concello de Mondariz, son de participación libre e gratuíta, sen necesidade de apuntarse previamente.