ADENCO acaba de recibir a comunicación da Valedora do Pobo polo que se reabre o expediente pola queixa realizada polo Grupo Ecoloxista no seu día, en relación aos feitos que ocasionaron a destrucción dun dos parapetos do xacemento arqueolóxico. A Valedora urxe ás administracións á resolución do expediente e o cumprimento da resolución recaída no seu día.
Certamente, xa transcorreron 3 anos e medio desde a denuncia inicial tras a destrución, dentro da área de protección integral, de parte do ben patrimonial catalogado. A acción do Grupo Ecoloxista motivou a imposición dunha sanción de 6.000 euros ao Concello de Ponteareas. A infracción administrativa veu motivada pola realización dun corte do foxo do castro pola parte norte do xacemento debido á construción da senda fluvial, sen contar coa previa e preceptiva autorización da Dirección Xeral. A resolución feita por Patrimonio notificoulle tamén ao Concello ponteareán a obriga de restituír as cousas ao seu estado.
Sen embargo, esta sanción foi recorrida e ate o momento non se ten resolto por parte da Administración. Esta lentitude na acción dos organismos públicos pode provocar que a sanción caduque. Esta circunstancia motivou que a Valedora admitise a trámite a queixa e iniciase un expediente co que inicia as actuacións oportunas perante a Consellería de Cultura.
A propia Valedora abrira no seu momento un expediente pola destrución do Castro da Croa que axudou a axilizar o proceso sancionador. Naquel momento a Valedora xa tiña indicado que era de lamentar o longo período de tempo que tiña transcorrido desde a nosa denuncia e a inaceptable desidia de determinadas administracións cara a protección do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
A importancia do ben patrimonial Castro da Croa
Cómpre lembrar que o Castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na parroquia de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e fosos cos que conta o que o converten nun elemento singular e único que debe ser conservado e protexido e que mesmo pode servir para dinamizar socioeconomicamente a contorna.
ADENCO continuará divulgando e defendendo o patrimonio da Comarca do Condado e denunciando todas as consecuencias negativas derivadas das sendas fluviais realizadas na beira do Tea.