ADEGA consegue nos tribunais que a Xunta inicie os trámites para declarar a Cova Eirós como BIC

Tras oito anos de longa espera, a Xunta inicia o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós de Triacastela, o principal expoñente da nosa Historia Paleolítica e a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres. A Xunta viuse obrigada a adoptar esta decisión en previsión de evitar unha sentenza condenatoria do Tribunal Superior de Xustiza á raíz do recurso contencioso-administrativo interposto por ADEGA non mes de xullo contra a Consellaría de Cultura, por desestimar presuntamente por silencio administrativo a nosa solicitude de inicio da tramitación para a declaración oficial da Cova Eirós como BIC.

No seu escrito de contestación á demanda, a Xunta dá resposta por primeira vez en oito anos ás pretensión de ADEGA e recoñece que as nosas intencións son lícitas, procedendo a resolver o pasado 10 de abril, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a incoación do expediente BIC demandado, e evitando así unha sentenza do tribunal contraria aos seus intereses. Ante a resolución da D. X. do Patrimonio Cultural, pola que se dá satisfacción ao obxecto da demanda de ADEGA, o TSXG propón arquivar o caso deixando aberta a posibilidade do recurso de reposición.

Malia a non existir unha sentenza condenatoria que castigue a pasividade da Xunta durante os últimos oito anos na protección efectiva da Cova Eirós, desde ADEGA acollemos con satisfacción os resultados do presente procedemento xudicial, ao consideralo determinante para conseguir o obxectivo que tanto tempo levamos perseguindo: que a Cova Eirós se protexa con todas as garantías legais. Pese a que a Xunta alega que a Cova xa ten a consideración ex lege de Ben de Interese Cultural por conter pinturas rupestres, ben é certo que tal protección non terá a suficiente seguridade xurídica nin será efectiva mentres a Xunta non declare formalmente o xacemento como BIC, nin estableza a delimitación do contorno de protección ou as medidas necesarias para a súa preservación.

Escusas de “mal pagador”

Por outra banda, resultan pouco cribles os intentos da Xunta de xustificar o  retraso que sufriu a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio para incoar o expediente de declaración do BIC Cova Eirós. Segundo o letrado da Administración, ata o momento non existían datos ou elementos de xuízo suficientes que motivaran a incoación do procedemento; sen embargo, tamén recoñece que xa nos anos 90 había investigacións que avalaban a presenza na Cova Eirós de restos do oso das cavernas, motivo máis que suficiente para contemplar o carácter excepcional da cavidade. Pero a posteriori, en 2013, coa aparición no interior da Cova Eirós das únicas pinturas e gravados rupestres que se coñecen en Galiza, xa non cabían escusas.  Este feito, segundo a lei de patrimonio histórico, determina de forma automática a categoría BIC do xacemento e a necesidade de facer efectiva a súa protección.

Por outra parte, se a non incoación do expediente BIC respondía á falta de probas, por que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural eludiu contestar neste sentido aos múltiples requirimentos de ADEGA?… Sospeitamos, lamentablemente, que a pasividade e o silencio da Xunta dos últimos anos teña respondido a motivacións menos confesables, probablemente relacionadas coas pretensións da canteira de Cementos Cosmos de ampliar a súa zona de explotación.

O remate dun intenso periplo administrativo

A resolución da D.X. de Patrimonio Cultural do pasado 10 de abril dá por rematado un intenso periplo administrativo promovido por ADEGA na defensa do xacemento que xa comezou en 2009, cando presentamos ante a Xunta a primeira petición para a declaración da Cova Eirós como BIC. Desde aquela ata hoxe ADEGA tense dirixido á Xunta ata en oito ocasións, de forma directa ou a través do Valedor do Pobo, para instala a iniciar o devandito procedemento administrativo. Sen embargo, non só non obtivemos resposta da Xunta en ningunha destas ocasións, senón que o goberno galego actuou en contra da preservación deste xacemento cando en outubro de 2014 autorizou a Cementos Cosmos retirar a capa vexetal do teito da cavidade, aumentando decisivamente o risco de filtracións e o seu deterioro. Esta intervención manifestamente agresiva contra o xacemento foi finalmente paralizada pola Fiscalía á petición de ADEGA. Tras este penoso episodio, ADEGA seguiu requirindo incesantemente  e sen éxito a protección da Cova Eirós como BIC ata que se viu obrigada a presentar un recurso contencioso contra a Consellaría de Cultura, cos resultados que se veñen de comentar.

Alén do xa indicado, ADEGA promoveu numerosas accións encamiñadas a instar á protección da Cova, como se pode ver no informe cronolóxico que se acompaña, nas que contamos co apoio decisivo de diversos colectivos, institucións e personalidades ás que trasladamos o noso agradecemento. Tamén é necesario recoñecer a contribución a este éxito de institucións, como o Consello da Cultura Galega, ou doutras entidades asociativas que traballaron, ao par que ADEGA, a prol do mesmo obxectivo.

A partir da resolución do 10 de abril

Aínda non foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución do 10 de abril pola que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento a Cova Eirós, aínda que é previsible que moi pronto estea a exposición pública durante o período de un mes para a presentación de alegacións. ADEGA comprométese a facer un seguimento exhaustivo deste procedemento para conseguir as máximas garantías de protección para o xacemento antes de que venza o prazo establecido para a resolución do expediente BIC que será de 24 meses.

Alén disto, Patrimonio vén de emitir orde, por un lado, de que se aplique sobre a Cova Eirós de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a lei para os Bens de Interese Cultural e, por outro, da súa inclusión preventiva no rexistro galego e estatal de BIC.

Descargas: Cronoloxía das accións de ADEGA a prol da declaración da Cova Eirós como BIC

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s