A secuencia de multas aos concellos implicados nas sendas do Tea continúa. Nesta ocasión, a partir da denuncia do Grupo Ecoloxista ADENCO de xaneiro de 2016, a Confederación Hidrográfica impón ao concello de Mondariz unha sanción de 5.000 euros por incumprimento de condicións particulares da senda fluvial no Tea e o Xabriña.
Na resolución do expediente sancionador que recibiu ADENCO hai uns días, a Confederación requírelle ao concello de Mondariz que cumpra as condicións relativas á autorización nun prazo de 15 días, indicando que o incumprimento do ordenado derivaría en sancións coercitivas. A Confederación considera que existen dúas circunstancias agravantes da responsabilidade: por unha banda, a reiteración da conduta infractora e, por outra, o feito de que a actuación se localice dentro do espazo natural protexido LIC Río Tea.
Desde ADENCO considérase que este é un novo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise e de como xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública. Certamente, desde a creación da senda tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese e esta situación vai continuar. A senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.
ADENCO continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e esixirá responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea.