Arrasan un dolmen e levan unha das laxes para adornar un xardín

ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos o pasado 9 de maio unha denuncia perante o Servizo de Patrimonio Cultural, despois de termos noticia da destrución do dolmen da Casa dos Mouros de Lobeira (Budián, O Valadouro- Lugo) no transcurso duns labores forestais. Segundo a información achegada por diferentes fontes, supostamente os responsables dos danos infrinxidos na Casa dos Mouros terían incumprido os requisitos de patrimonio para a corta e plantación dos eucaliptos no dolmen e na súa zona de protección. Probablemente os espoliadores aproveitaron as pas mecánicas e a maquinaria pesada, utilizadas na realización dos labores forestais, para extraeren dous esteos do dolmen e para trasladar un deles a un xardín situado nunha casa no concello de Foz, onde foi localizado polo SEPRONA.

O  outro esteo deixárono abandonado á beira da mámoa porque lles partiu cando o sacaron do túmulo. Lamentablemente, ademais deste espolio, o túmulo foi totalmente furado coas pas mecánicas o que acabou provocando aínda máis danos no xacemento. Sábese que o dolmen da Casa dos Mouros é un xacemento sobradamente coñecido polos veciños do lugar, pero ademais existe bibliografía  sobre el e mesmo podemos atopar información na páxina oficial do Concello de O Valadouro, así como noutros sitios da Internet.

A masiva destrución do patrimonio, provocada pola industria do eucalipto, é un grave problema que a Consellería de Cultura non quere afrontar, sexa por submisión á todopoderosa industria forestal ou simplemente por falta de capacidade.

Dáse a circunstancia de que hai exactamente un ano denunciamos os danos ocasionados  polos eucaliptos no outro túmulo existente na Lobeira. A día de hoxe non temos constancia de que a Consellería de Cultura teña actuado para esclarecer os  feitos denunciados. Sexa por incompetencia ou por submisión, a Consellería está enviando unha mensaxe clara: a destrución do patrimonio non ten consecuencias para quen o destrúe.

Por último, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos darlle os parabéns ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil pola súa rápida e eficaz actuación,  xa que grazas ao seu labor  localizáronse os restos espoliados e foron identificados os posibles responsables dos danos e do espolio da Casa dos Mouros de Lobeira.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s