O pasado martes o Pleno de Ponteareas decidiu aprobar a Moción, presentada por ADENCO e que foi defendida polo concelleiro de esquerda unida, na que se solicitaba a declaración de concello libre de eucaliptos. Esta aprobación súmase á acontecida nos últimos meses noutros concellos do territorio galego.
O Pleno aprobou tamén o acordo de que o concello de Ponteareas desenvolva de xeito urxente un programa de actuacións de promoción dos aproveitamentos sustentábeis dos montes do termo municipal baixo a premisa de multifuncionalidade.
O Grupo Ecoloxista presentou esta Moción en todos os concellos do Condado e agarda que o resto dos Plenos municipais aprobe esta declaración e aposte pola multifuncionalidade do monte. Certamente, acontecementos terribles como os de outubro onde arderon miles de hectáreas de áreas de monte na Comarca afectando mesmo a vivendas e outros bens materiais e a sucesión periódica de lumes forestais que experimenta a Comarca están a impulsar a concienciación cidadá e a procura de novos modelos de xestión do monte onde o eucalipto require ser limitado tal e como xa teñen aprobado outros concellos galegos.
Desde ADENCO considérase que é preciso dar un xiro de 180 grados nas políticas forestais e faise un chamamento aos gobernos municipais para avanzar no impulso dun cambio de modelo de xestión do monte. Nese senso, resulta fundamental avanzar na multifuncionalidade do monte, mediante a formación dos propietarios forestais, tanto privados como comunitarios, e apostar firmemente polas frondosas, a diversificación de cultivos, a introdución de gando no monte e a posta en marcha de novos aproveitamentos sustentables como os micolóxicos, os apícolas, os vinculados cos froitos do bosque, os agroturísticos e educativos, etc.