A Confederación abre dilixencias de investigación polos verquidos da depuradora de Ponteareas ao río Tea

O Grupo Ecoloxista ADENCO ten recibido notificación da apertura de dilixencias de investigación en dous expedientes abertos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Estas actuacións veñen derivadas das diferentes denuncias realizadas polo Colectivo ecoloxista nas últimas semanas en relación con verquidos ao río Tea de augas sen depurar directamente da depuradora de Ponteareas.

O Grupo Ecoloxista, que ten coñecemento de que estes verquidos se teñen producido desde o mes de setembro, esixe ás autoridades competentes que se solucionen dunha vez estes vertidos da depuradora ao río Tea e se depuren responsabilidades.

Novas denuncias e novas actuacións

Adenco ten denunciado esta semana pasada un novo verquido de depuradora ao Tea e está estudando a realización de novas actuacións en diferentes ámbitos administrativos, tanto autonómicos, como estatais e europeos. A gravidade dos feitos que se están a producir no espazo protexido está sendo comunicado a diferentes estamentos administrativos e agárdanse novidades nas vindeiras semanas.

O río Tea, espazo natural de importancia comunitaria e incluído polos seus excepcionais valores dentro da Rede Natura 2000, sofre desde hai anos continuos ataques, de maior ou menor relevancia. Non é, polo tanto, unha cuestión puntual. E neste caso, existe unha circunstancia agravante, xa que o verquido xurde directamente desde a propia depuradora do Concello de Ponteareas e se ten repetido en varias ocasións nas últimas semanas.

Adenco leva anos achegando á cidadanía a importancia do río Tea, a todos os niveis e dentro das posibilidades dunha asociación sen ánimo de lucro e con recursos, humanos e económicos, limitados. Así, foron, e tristemente son, constantes as denuncias por talas sen control, verquidos industriais ou fecais, construcións agresivas nas beiras como as sendas fluviais ou a destrución de elementos patrimoniais á beira do Tea. Desde o Grupo Ecoloxista agárdase que non se volva repetir unha circunstancia como a que tivo lugar este pasado sábado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s