A Fraga de Catasós debe ampliarse para garantir a súa preservación e integridade

ADEGA vén de presentar, no proceso de consultas do Plano de Conservación da Fraga de Catasós (Lalín), unha proposta de ampliación e zonificación ambiciosa para este Monumento Natural. Pasaría das 4,5 ha actuais a 180 e incorporaría diversas masas próximas, incluida a todalidade da fraga de Casas Vellas.

Trátase de dar coerencia e continuidade a este espazo protexido, integrando outras masas próximas que como a Fraga de Casas Vellas, está ameazada por un proxecto de liña de alta tensión. Precisamente para esta fraga, a Xunta rexeitou recentemente odeclarala ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O plusvalor que para o Monumento Natural non veu ou non quixo ver a Xunta co ENIL de Casas Vellas, é indiscutíbel dado o valor que aportan as fragas e soutos que arrodean Catasós.

Agora a administración debería contemplar a integración no Monumento Natural da Fraga de Catasós daqueles bosques próximos que forman un continuo ecolóxico, como a fraga de Casas Vellas, para através dunha xestión integral, garantir a preservación dos seus elementos máis valiosos.

A proposta de ADEGA inclúe unha zonificación do Monumento Natural e unha serie de directrices e recomendacións para definir o seu Plano de Conservación, xustificadas con criterios técnicos que reforzan a conveniencia de ampliar unha das principais xoias forestais do interior do país. Deste xeito, as Fragas de Catasós pasarían a ser o terceiro Monumento Natural en extensión (180 ha) do país.

A proposta de ampliación presentada por ADEGA prevé unha dupla zonificacion: unha área de “protección total”, que comprendería o espazo público que ocupa o actual Monumento Natural (4,5 ha). A superficie restante sería de “usos moderados”, referida ás fincas de titularidade privada onde continuarían autorizándose os mesmos aproveitamentos e usos establecidos no PXOU de Lalín e na Lei do Solo, prohibíndose os referidos ao paso de infraestruturas, liñas eléctricas, edificacións, ou cambios de uso de solo.

Un conxunto natural moi valioso e ameazado

Dende ADEGA preocupan especialmente as ameazas ás que están expostas algunhas das árbores do Monumento, pola presenza de ataque de insectos perforadores (non identificados) e outras fitopatoloxías, así como a debilidade e risco de caída que presentan algún dos castiñeiros máis relevantes do lugar.

Calquera previsión de planificar o espazo pasa por incorporar todos os bosques nos que se integra o actual Monumento, xa que un dos principais riscos é a súa superficie tan reducida, de 4,5 ha, insuficiente para garantir a protección dos procesos ecolóxicos e ambientais que nel teñen lugar. Toda a masa circundante presenta un alto valor de naturalidade e diversidade, o que debería considerarse para planificar a protección e conservación do Monumento Natural e dos seus elementos máis sensibles.
A ampliación proposta permitiría ademais un tratamento silvícola conxunto de toda a masa forestal, co propósito de previr os potenciais riscos que poden ameazar aos elementos máis singulares do Monumento (castiñeiros de grande porte), expostos a diferentes condicionantes ambientais comúns a todo o seu entorno forestal.

A proposta de ampliación, que comprende as fragas e soutos de Casas Vellas, Antuín, Gate, As Pereiras, e Portocelo, xunto o rego de Quintela coma corredor ecolóxico entre todas elas, define un espazo que alberga unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos. Varias especies están incluídas como “vulnerables” no Catálogo de Especies Ameazadas, para as que se deseñan accións concretas de investigación e protección.

Todo o conxunto conforma unha unidade natural de alto valor paisaxístico e ecolóxico, e a ampliación do Monumento Natural permitiría configurar, con todo merecemento, un bosque que conforma unha exquisita representación da paisaxe agro-forestal do interior de Galiza.

Descargas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s