ADEGA demanda a paralización inmediata do campionato de caza do raposo

O vindeiro sábado 12 de xaneiro ten lugar, por décimo cuarto ano consecutivo, o campionato provincial galego de caza do raposo. Esta competición basease na caza indiscriminada de raposos por cuadrillas formadas por entre 10 e 30 cazadores, premiándose á cuadrilla que consiga matar o maior número de raposos durante a competición. Calcúlase, segundo cifras oficiais achegadas polos propios cazadores, que en cada tempada de caza abátense na Galiza entre 12.000 e 13.000 raposos, e isto sen ter en conta a caza ilegal e furtiva.

Esta matanza indiscriminada é organizada pola Federación Galega de Caza, entidade que recibiu nos últimos cinco anos un total de 141.289,90 euros de diñeiro público subvencionados pola Xunta de Galiza. Deste computo, a federación destinou 37.706,37 euros aos campionatos de caza do raposo. A esta cantidade hai que sumarlle “pagos directos” da Xunta á Federación Galega de Caza nos anos 2015 e 2016, anos nos que se organizou a Supercopa Galega de caza, evento considerado como subvencionable debido a súa “especial relevancia”. Alén disto, a federación lúcrase doutros montantes de empresas ou entidades privadas, sendo así salientable o financiamento achegada por parte de ENCE (unha das empresas máis destrutoras e contaminantes do territorios presentes na Galiza) ao campionato de caza do raposo de Pontevedra deste ano, que vai ter lugar no concello de Cerdedo-Cotobade.

Incendios forestais e caza, unha combinación letal para a biodiversidade

De especial gravidade é a celebración destes “campionatos” en concellos que están a sufrir incendios forestais de xeito continuado nos últimos anos. É así no caso do municipio de Cerdedo-Cotobade onde se celebrará o campionato da provincia de Pontevedra. Este concello é todos os anos albo de incendios forestais, sendo o último rexistrado os días 3 e 4 de xaneiro, a escasos dez días antes do campionato de caza do raposo. Durante estes días arderon un total de 45 hectáreas de Caroi, parroquia situada dentro dos límites das sociedades de caza organizadoras deste evento cinexético.

Pola súa banda, ADEGA vén denunciando tamén nos últimos anos prácticas cinexéticas ilegais e irregulares no concello de Cerdedo-Cotobade. Así, no ano 2017 denunciouse a concesión irregular de batidas de lobo por parte da Xunta no municipio, e a comezos do ano 2018 interpúsoxe  unha denuncia ante unha actividade cinexética que estaba tendo lugar en terreos mancomunais afectados pola vaga de lumes forestais de outubro do 2017. A súa vez, desde a asociación notificouse e denunciouse publicamente a aparición dun lobo morto por disparos xusto despois do campionato da caza do raposo do ano 2018.

O raposo, un aliado natural para combater a enfermidade de Lyme

O 5 de novembro do 2018, o Parlamento Europeo advertiu da rápida propagación da enfermidade de Lyme en Europa, considerándoa un problema de saúde pública no continente. Esta enfermidade é transmitida principalmente por carrachos da especie Ixodes ricinus, os cales albergan a bacteria Elia burgdorferi, axente causante da enfermidade, e que se distribúen no territorio hospedándose en múltiples especies.

Coa caza masiva de exemplares de raposo durante estes campionatos, estase a eliminar  do medio unha gran cantidade de depredadores, o cal provoca un aumento das poboación das presas, como os roedores, que lle proporcionan alimentación a milleiros de ninfas ( non adultos) deste carracho, e avanzar no seu ciclo cara adultos e pasar a infectar outras especies de maior tamaño, incluido o gando, e poñer novamente miles de ovos, ou saltar as persoas. A prohibición dos campionatos de caza de raposo constituiría así unha medida preventiva estratèxica para loitar contra a expansión da bacteria e diminuír a poboación de roedores portadores destas ninfas que poden estar infectadas.

ADEGA esixe a paralización e prohibición da caza do raposo

A xunta autoriza estes campionatos de caza baseándose nos censos elaborados e achegados polo propio lobby da caza. Mais a realidade que nos atopamos é que non existen censos rigorosos nin científicos sobre as poboacións desta especie, así como a ausencia constante dunha avaliación técnica do impacto ambiental que produce a caza (alteración dos hábitats e ecosistemas, chumbismo, control de enfermidades, etc).

Polo tanto estas actividades cinexéticas presentan un grande impacto negativo no medio e nas poboacións de raposos, desregulando así o equilibrio ecolóxico destas, especialmente en aquelas áreas que experimentan incendios forestais continuados.

Neste contexto, ADEGA vén de presentar un documento ante a consellería de Medio Ambiente co fin de solicitar a paralización e prohibición dos campionatos de raposo na Galiza, unha práctica anacrónica que suscita grande oposición social e que provoca un grande impacto negativo no medio natural e na biodiversidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s