ADEGA presenta alegacións ante unha concesión mineira sen a avaliación de impacto ambiental en Beariz.

ADEGA vén de presentar, xunto co colectivo Mina no Cando Non, alegacións ante a Xefa do Servizo de Enerxía e Minas e o Xefe da Sección de Avaliación Ambiental como resposta a un novo ataque medioambiental perpetrado pola Xunta, quen quere aprobar o pase de permiso de investigación a permiso de concesión de explotación para un proxecto mineiro sen a debida avaliación de impacto ambiental.

Alberta I: Un vello proxecto mineiro

Dita mina, a cal pretende extraer litio, moscovita e feldespatos, afectaría aos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón, nos concellos de Beariz e Avión, mais  podería estenderse até terreos dos concellos de Forcarei, A Lama e Cercedo. O chamado Alberta I, trátase dun vello proxecto (o primeiro permiso de investigación foi outorgado no 2001), agora reactivado, para o cal institucións coma Instituto Geológico y Minero de España (IGME) ou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa solicitaran no seu momento documentación e alertaran do risco ambiental do mesmo pola máis que probábel presenza de elementos radioactivos e  risco de formación de augas ácidas.

Ocultación de datos e complicidade administrativa

Dende a implantación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, máis coñecida como Lei Depredación, os informes preceptivos (Medio Ambiente, Augas e Costas, etc.) deixaron de ser determinantes. Mais o verdadeiramente incomprensíbel deste caso é que a Xefatura da Sección de Avaliación Ambiental directamente obvie a obriga de realizar unha Avaliación de Impacto Ambiental antes de aprobar ou non a concesión. A Lei 21/2013 do 9 de decembro de avaliación ambiental é ben clara e determina que están entre os “Proxectos sometidos á avaliación ambiental ordinaria”, aqueles de minaría subterránea nas explotacións nas que se dea algunha das circunstancias seguintes:

1.º Que a súa paraxénese poida, por oxidación, hidratación ou disolución, producir augas ácidas ou alcalinas que dean lugar a cambios no pH ou liberen ións metálicos ou non metálicos que supoñan unha alteración do medio natural.

2.º Que exploten minerais radioactivos.

3.º Aquelas cuxos minados se atopen a menos de 1 km (medido no plano) de distancia de núcleos urbanos, que poidan inducir riscos por subsidencia.

Circunstancias, as tres, que sen ningunha dúbida son aplicábeis a este proxecto de explotación polas súas características. Porén, para conseguir zafarse da obrigatoriedade da Avaliación de Impacto Ambiental, dende a administración negan que isto sexa así facendo uso de afirmacións e conclusións que atentan contra a intelixencia e que incluso contradín coñecementos de xeoloxía elemental, datos cartográficos ou de institucións coma o Consello de Seguridade Nuclear ou que mesmo se sosteñen na opinión subxectiva do funcionario que asina o informe, quen non dubida en afirmar que o risco de subsidencia con afectación ás vivendas (que se atopan a só 300 m)  “podería descartarse” sen ningún tipo de fundamento ou exposición previa que avale o seu veredicto. O resultado desta omisión premeditada é un proxecto que carece das medidas preventivas obrigatorias.

Fraccionamento de proxectos: unha práctica fraudulenta

O Estudo de Impacto Ambiental aportado no informe de solicitude limítase a unha área reducida afectada pola fase 1, chamada “Coto Tocayo”, malia que a solicitude de concesión de explotación do proxecto non só se limita a esa área, se non que abrangue un total de 60 cuadrículas mineiras. Amais, na memoria de solicitude feita pola empresa pódense ler frases como “procederase á apertura de novas minas para explotar o xacemento descuberto (…). Para o que se irán desenvolvendo os proxectos correspondentes ao ritmo que demande o mercado.” Con todo, no documento non se explica como se pretende desenvolver este proxecto máis amplo, nin cales serán as distintas zonas de explotación, nin os métodos que serán empregados en cada lugar (deixando a porta aberta a unha posible explotación a ceo aberto), nin cal é o impacto ambiental acumulativo do proxecto máis amplo no seu conxunto. Estamos ante un fraccionamento artificioso dun proxecto mineiro, unha práctica recollida na xa citada Lei 21/2013 do 9 de decembro de avaliación ambiental, e que supón unha fraude de lei ao ter como obxectivo ocultar impactos ambientais moito máis extensos con carácter acumulativo para evitar, unha vez máis, a preceptiva avaliación de impacto ambiental co beneplácito da Xunta.

A mina: sinónimo de destrución

Os posíbeis impactos medioambientais deste proxecto son numerosos e, infelizmente, algúns deles coñecidos na nosa terra por outras minas coma a de Touro: contaminación de augas con drenaxes ácidas e metais pesados, entulleiras ao ar libre, destrución de bosques declarados hábitats de interese prioritario, destrución de petróglifos, etc. Compre lembrar que o proxecto se atopa nas proximidades da Serra do Cando, declarada ZEC-Rede Natura 2000, lugar no que ademais nacen numerosos regos e ríos coma o Oitavén, o que podería comprometer a calidade dos acuíferos dunha ampla zona coas consecuencias sanitarias e económicas que implicaría. En definitiva, unha concesión que só busca o beneficio económico dunhas poucas mans a cambio da destrución do patrimonio ambiental e cultural dunha ampla rexión.

Mina no Cando Non

Nas últimas semanas conformouse unha plataforma integrada por veciñanza dos concellos afectados e diferentes colectivos e organizacións, as cales redactaron e facilitaron modelos de alegación. Dende ADEGA queremos amosar o noso apoio e denunciar todas as irregularidades que rodean ao proceso de concesión e esiximos que se someta a un estudo de impacto ambiental á totalidade deste proxecto mineiro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s