O Grupo Ecoloxista ADENCO, ante os últimos feitos que ocorreron e están a ocorrer no Concello de Ponteareas, quere manifestar o seguinte:
HUMANIZACIÓNS
Non será este colectivo ecoloxista o que pense que facer máis espazos para a cidadanía sexa algo máis que desexable, mais tamén pensamos que debe facerse de xeito razoable, progresivo e consensuado. Se humanizar significa sacrificar sen busca de alternativas para o que xa temos, non parece o ideal. En todo caso, respecto ao caso concreto da rúa Redondela, notamos unha carencia na información que se traslada á cidadanía. Así, solicitaremos nos próximos días que se publique na web do Concello proxecto inicial, as actas das reunións mantidas, as propostas principais da veciñanza e o proxecto definitivo, con indicación das propostas recollidas. Curiosamente, na web municipal, o proxecto da rúa Redondela é o que ten a pestana de participación „pechada”, cando noutros proxectos xa executados está aínda aberta. Ademais, lembran que integrantes e socios do colectivo fixeron propostas nestes proxectos que nunca tiveron resposta. Así, en todo caso, logo de recabar opinións da veciñanza, atopando posturas moi diversas, deducimos que a información que se traslada non é correcta, que non se traslada correctamente ou que non interesa facelo, todas as opcións moi negativas para unha verdadeira participación activa da cidadanía na vida pública e nos proxectos que son do seu interese. Ademais, mostramos xa a nosa preocupación pola futura reforma da praza de Bugallal, solicitando que non se proceda a talar ningún dos exemplares que alí medran, moitos desde hai xa moitos anos, formando parte da paisaxe da vila.
REDE DE CALOR
O Grupo Ecoloxista ADENCO felicita ao Concello de Ponteareas ser quen de actuar por fin en prazo e poder aproveitar as subvencións públicas para proxectos como o que agora se inicia, logo de perder cartos en proxectos que non puideron desenvolverse por non actuar co tempo axeitado, concretamente a finais de 2017.
Entrando no proxecto, desde o colectivo botamos en falta, unha vez máis, información. Semella que a información e as reunións existen só cando interesa ao goberno. Neste caso, o proxecto comeza case dun día para outro, sen ningunha información real á cidadanía. Se o proxecto é tan bo como defende a parte promotora, por que se non se difundiu doutro xeito antes de iniciarse as obras?
ADENCO recordas que a biomasa nin é verde, nin é ilimitada nin é a panacea. Levamos anos denunciándoo, primeiro cando unha multinacional quería ocupar Ribadetea cun proxecto que non tiña ningún encaixe, salvando, obviamente as diferencias que existen, mais queremos centrarnos nunha cuestión moi importante: Como xa publicou nun informe o INEGA, Galicia non ten potencia de biomasa suficiente para abastecer os proxectos que están sobre a mesa, o que pode levar a desenvolver de xeito amplo os cultivos enerxéticos, é dicir, plantar determinadas especies dun xeito concreto e cun tratamento concreto para seren taladas nun período corto e proceder a queimalas. Plantar para queimar non parece a solución a nada. Esquezamos o conto de pretender queimar os restos das talas ou desbroces nunha central como esta, que pretende dar calor a edificios públicos durante seis meses. Esta obra de enxeñería necesita asegurar o combustible, un combustible de calidade e cunhas condicións técnicas concretas. Isto é obvio e non vai solucionar ningún problema de incendios. ENCE ou a Asociación Forestal de Galicia levan anos participando en proxectos nos que analizan a importancia dos cultivos enerxéticos (con novas especies de eucaliptos ou paulonias) para poder garantir o suministro a plantas como estas (por certo, proxectos tamén financiados con fondos europeos, que como sabemos Europa apoia o rural e defende o Medio Ambiente (Retranca a tope)).
Así, o que parece claro é que precisa o Concello de Ponteareas a convocatoria do
CONSELLO MUNICIPAL DO MEDIO AMBIENTE
Como xa solicitou ADENCO hai unhas semanas, nunha desas solicitudes que vai ao caixón de solicitudes sen contestar, que debe estar cheo, é manifesta e imperiosa a necesidade de convocaro o Consello Municipal do Medio Ambiente, un espazo no que falar, debatir e acordar accións, nestes e noutros campos. Son máis que nunca precisos espazos de diálogo, un espazo tranquilo e programado, cos colectivos implicados e a cidadanía interesada. Quen ten medo a falar, a debatir e a levar a cabo o que se acorde?
Finalmente, ADENCO manifesta a súa firme decisión de seguir traballando sen permitir que ninguén, repetimos, ningúen se aproveite do noso traballo. Nin partidos políticos nin cidadanía que só se acorda de Santa Bárbara cando trona. A nosa política é intachable desde hai máis de trinta anos. O noso apartidismo é manifesto. O único que nos move é a defensa de intereses colectivos e un ben superior como a defensa do Medio Ambiente, considerado no sentido amplo que entendemos ten que facerse.