Iberdrola quere seguir a espremer os ríos galegos cun novo megaproxecto hidroeléctrico

Iberdrola está a tramitar outro megaproxecto hidroeléctrico de 900 MW usando como “depósitos” os encoros de Cenza e Bao. Máis de 15 km de túneis, unha central en caverna a 600 m baixo o Macizo Central e millóns de m3 de entullo en plena RN2000…

O denominado “aproveitamento hidroeléctrico Conso II” pretende conectar os encoros de Cenza e O Bao, separados uns 10 km mediante varios túneis para permitir o transvase de auga entre ambos. No medio, construirase unha central de reversíbel en caverna que operará alternativamente turbinando a auga do encoro superior (Cenza) e bombeando a do inferior (Bao).

Toda esta instalación localízase dentro da ZEC Macizo Central, parte da RN2000, un espazo intensamente castigado pola última vaga de lumes de Ourense. A área na que se desenvolvería este proxecto, que xa pasou a fase de consultas previas, acubilla unha das mellores representacións do glaciarismo pleistoceno do noroeste peninsular, con vales como o de Cenza, parcialmente estragado por un dos encoros, circos e morrenas fósiles como a de Chaguazoso, directamente afectadas por este proxecto.

Anos de obras con maquinaria pesada e toneladas de explosivos dentro da Rede Natura acabarán por estragar unha paisaxe única, afectando a hábitats prioritarios moi fráxiles e especies protexidas. A propia Iberdrola cita na documentación do proxecto que os obxectivos de conservación das masas dos encoros de Bao e Cenza establecidos no Plano Hidrolóxico, están en risco pola presenza de “presións significativas”.

Unha “transición enerxética” que deixa cadáveres ambientais e só beneficia ao oligopolio eléctrico

Iberdrola conta xa con 4 grandes aproveitamentos hidroeléctricos na bacía do Bibei, 3 deles reversíbeis. E no conxunto do sistema Miño-Sil, hai outras 31 grandes centrais, e ducias de minicentrais. Trátase sen dúbida da bacía hidrográfica máis intensamente explotada de Europa con relación á súa superficie.

A empresa xustifica este novo megaproxecto como un sistema para almacenar enerxía e aportar “estabilidade, seguridade e sustentabilidade” ao sistema eléctrico. Indica que aproveitará e “enerxía sobrante” de “excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis” (en referenza á eólica) para bombear auga do encoro inferior ao superior, turbinándoa cando lle conveña. Mais a eólica se hai exceso pode pararse, ao contrario do que ocorre coas nucleares…

A realidade non é tan verde: Iberdrola comezou constuíndo centrais de bombeo, como a de Cofrentes en Valencia, precisamente para acumular megawatios nucleares que logo turbinaba como hidráulicos. A nuclear si que é unha enerxía pouco “xestionábel”, xa que parar unha central ten uns elevadísimos custos. A empresa tampouco quixo reducir a súa capacidade de xeración térmica, polo que moitos bombeos acaban acumulando megawatios suxos, que logo venden como limpos: un “greenwashing” en sentido literal.

O réxime de funcionamento destas instalacións amosa tamén cal é o obxectivo último: facer negocio. Adoitan (ver gráfica, correspondente ao bombeo de GN-Fenosa na bacía do Limia) bombear pola noite, cando a demanda cae e non poden colocar o seu produto, e turbinar polo día, cando os beneficios son maiores.

Por outra banda, no Estado hai unha capacidade de xeración que supón case o duplo (potencia total instalada) da demanda máxima. E en termos de suficiencia enerxética, cómpre lembrar que Galiza é excedentaria na produción de electricidade, que se exporta fóra, curiosamente através de operadoras que tributan en Madrid ou o País Basco, como é o caso de Iberdrola.

A cuestión é se a necesaria transición enerxética vai ter un carácter exclusivamente industrial, beneficiando outra volta ao oligopolio electrico, ou atender ás necesidades da cidadanía e dos territorios afectados. Galiza xa soporta os custos e impactos dunha planificación enerxética fortemente insustentábel e socialmente inxusta: non podemos seguir a pagar as consecuencias da cobiza de empresas como Iberdrola.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s