- O Secretario de Estado do Ministerio da Economía alemán tivo que negar a implicación coa mina de Santa Comba ante unha pregunta da deputada Eva Schreiber (DIE LINKE)
- A empresa mentiu aos accionistas dicindo que dispuña dunha liña oficial de crédito de 11 millóns de euros do Goberno Federal Alemán
- A actividade mineira pretende levarse a cabo sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental, o que tamén foi denunciado por ContraMINAcción ante o Parlamento Alemán
Santa Comba, 5 de novembro de 2020.- A mina de estaño e volframio de Varilongo, em Santa Comba, volta a causar polémica, desta vez no Parlamento Federal Alemán, onde protagonizou un debate plenario na sesión do día 4, logo de que a rede galega “ContraMINAcción” e a plataforma “BerXallas-Minaría Destrutiva Non” achegaran información detallada á deputada Eva Schreiber do partido da Esquerda (DIE LINKE).
Eva Schreiber xa presentara en outubro unha pregunta escrita dirixida ao Ministero de Economía pola axuda económica que supostamente tería prometo o Goberno Federal Alemán para a reactivación desta mina, que carece de avaliación de impacto ambiental e que aínda así reanudou este mes a súa actividade logo de abandonarse en 1986.
A resposta do Secretário de Estado de Política Económica, Industrial e Comercio Exterior, Ulrich Nussbaum, á deputada de DIE LINKE, deixou en evidencia como a empresa australiana viña mentindo sistematicamente aos medios de comunicación e accionistas, afirmando que xa tiña recibido financiamento público alemán ademais de ter asegurada a “pre-aprobación” dunha garantía de crédito de 11 millóns de euros do Goberno da Alemaña, o que foi negado frontalmente polo Goberno Federal.
Esta resposta levantou as alarmas sobre como a actual concesionaria, Galicia Tin & Tungsten, ligada a un holding opaco con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e conectada co administrador que levou á anterior concesionaria á quebra, pretendía dar credibilidade a un proxecto con graves impactos ambientais e de duvidosa legalidade cun apoio público alemán inexistente.
No pleno do 4 de novembro formuláronse dúas novas preguntas orais para saber que medidas tiña pensado adoptar o Goberno Federal ante a conducta da concesionaria da mina de Santa Comba e ata que punto a empresa xestora do programa de créditos podería ter responsabilidades ao producirense este tipo de afirmacións sen contar coa aprobación dos ministerios implicados. Nas súas respostas o Goberno federal indicou que vai entrar en contacto con Rafaella Resources Ltd. para pedirlle que deixe de facer este tipo de afirmacións e que as elimine das súas páxinas web.
O programa UFK esixe estrictos requisitos de avaliación ambiental para todos os proxectos financiados, o que motivou que ContraMINAcción e a recentemente creada plataforma BerXallas-Minaría Destrutiva Non achegaran ao Parlamento Alemán información evidenciando que o proxecto mineiro aprobado en 2011 debía terse sometido a avaliación de impacto ambiental, trámite que o departamento de minas dirixido por Ángel Bernardo Tahoces tentou evitar a toda costa, e dos danos ambientais que está a causar debido á drenaxes ácidas de mina provocadas polos sulfuros.
Denuncias por danos ambientais
Desde a rede ContraMINAcción e a plataforma BerXallas denúnciase a cobertura que a Xunta está dando ao entramado empresarial detrás dos proxectos do antigo Grupo Mineiro Santa Comba, tanto o de reconversión da antiga mina de estaño e volframio nunha nova mina a ceo aberto carecendo de Declaración de Impacto Ambiental, como do proxecto dunha nova mina a ceo aberto de cobre, cobalto e niquel na zona de Castriz e Salgueiras. A Xunta consentiu no último ano que se fixera máis de 1 km de sondeos ilegais en Castriz, sabendo que se estaban levando a cabo; mentres que leva tentando tapar desde 2017 a contaminación por metais pesados que a mina de Barilongo causa sobre o Xallas, e que xa se denunciou ante o Comité da Convención de Aarhus nas Nacións Unidas.
Todo isto levou a que nas últimas semanas diversos colectivos da rede ContraMINAcción (Asociación Petón do Lobo, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción, Senda Nova, …) co apoio dos colectivos locais da plataforma BerXallas presentaran varias denuncias pola intensificación das verteduras contaminantes, tanto administrativas como penais, ante o SEPRONA e a propia Fiscalía. Por iso, esíxese á Xunta que ordene a paralización inmediata do baleirado das plantas da mina que levan inundadas e acumulando metais pesados desde fai máis de 30 anos.
Os mesmos colectivos e plataformas denuncian o estado de abandono das antigas balsas de residuos mineiros que ocupan case 10 hectáreas de terreno ao sur da explotación, emplazadas directamente sobre o rego da Braña Ancha, afluente do río Xallas. Estas balsas de residuos foron deixadas fóra do proxecto de explotación e plan de restauración aprobados en 2011 prescindindo do trámite de avaliación de impacto ambiental, a pesar da existencia de informes de funcionarios que avisaban que era un trámite imprescindible por tratarse dunha mina susceptible de causar drenaxes ácidas e contaminación por metais pesados. Neste caso, a responsabilidade recae tamén sobre Augas de Galicia, que ven permitindo os vertidos con altas concentracións de metais pesados a pesar de ser coñecedora da situación.