Un novo disparate ecolóxico: facer da central de carbón das Pontes unha nova incineradora

Este mes conclúen as novas probas de queima conxunta de carbón e residuos orgánicos na central de carbón de ENDESA nas Pontes. A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, que as ve como un intento de perpetuar o gran centro de produción de electricidade sucia das Pontes, reclama transparencia verbo dos seus resultados á empresa e ás institucións. Independentemente deses resultados, é incuestionable a irracionalidade ecolóxica de querer facer da central de carbón tamén unha incineradora de residuos orgánicos (lodos de depuradoras de augas residuais e xurros de granxas).

Segundo ten trascendido, nas probas de co-combustión na térmica das Pontes empréganse mesturas de carbón (importado de Kazaxistán) e de residuos orgánicos en diferentes proporcións. Inicialmente probouse unha mestura de carbón ao 70% e residuos orgánicos ao 30%. Despois as porcentaxes foron do 60 e 40% e finalmente igualáronse (1). Fica claro pois que a alternativa da co-combustión, denominada enganosamente dos “biocombustibles”, implicaría a continuidade da queima de grandes cantidades de carbón, o combustible fósil máis contaminante.

A das Pontes é a única central de carbón de España, e talvez do mundo, para a que se contempla a posibilidade da co-incineración de residuos como falsa solución socioambiental. E, ao que todo apunta, iso non é debido tanto á iniciativa da propia Endesa como á presión exercida pola Xunta, o Parlamento (co respaldo dos tres partidos que o conforman hoxe) (2), do Concello das Pontes e dos sindicatos maioritarios. E, por se  non abondase, a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica do Goberno estatal tamén amosou o seu apoio á co-combustión, malia supoñer unha “transición ecolóxica cara atrás”.

A ferreña resistencia política e sindical ao fin da insustentable queima de carbón na nosa terra está a chegar a límites inconcebibles, ao apostar por opcións ambientalmente disparatadas que distraen da urxente implementación dunha auténtica transición xusta que non deixe atrás tampouco aos traballadores das auxiliares de ENDESA e aos camioneiros. E cando a mobilización social en defensa do clima liderada pola mocidade obriga a agochar posicións trumpianas,  as institucións e axentes sociais defensores do carbón poñen a tope a maquinaria do lavado verde presentándonos o que non é máis que proseguir a queima de carbón, agora tamén con residuos, como un exemplo de economía circular e transición enerxética xusta. Cando é exemplo evidente e notorio de todo o contrario.

A co-incineración de residuos orgánicos, no caso de ser económicamente rendible para ENDESA, suporía a continuidade indefinida dun ou dous dos catro grupos que forman a central de carbón das Pontes, cada un deles cunha potencia de 350 MW.  ENDESA consolidaría así un enorme centro de xeración de electricidade sucia e cambio climático, integrado, ademais de por unha central de carbón-incineradora de residuos orgánicos de 350-700 MW, pola veciña central de ciclo combinado a gas natural, de 800 MW, operativa desde 2008. A potencia da central de carbón de Meirama, pechada en xuño pasado, era de 550 MW, mentres que a da incineradora de SOGAMA é de 50.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s