- A Federación Ecoloxista Galega, FEG, engloba 11 colectivos tanto locais e comarcais como nacionais.
- A Asemblea anual celebrada durante o mes de xaneiro de 2021 aprobou renovar a súa Coordinadora, dar un pulo á Federación como punto de encontro do ecoloxismo galego, incorporar novos grupos e apoiar e realizar campañas e accións relacionadas tanto cos problemas galegos como os globais que nos afectan como sociedade
O pasado 16 de xaneiro celebrouse a Asemblea anual da Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forman parte 11 grupos ecoloxistas de Galicia, tanto de ámbito local ou comarcal coma galego. Nesta asemblea, que debeu ser realizada por videoconferencia, conmemorouse o papel da Federación para a protección do medio ambiente durante 30 anos de historia cumpridos durante a pandemia, e consensuouse o importante obxectivo de aglutinar ao ecoloxismo galego para tecer rede e traballar cara un futuro que se prevé duramente marcado polas consecuencias da degradación ambiental. Ademais, nesta asemblea renovouse a súa Comisión Permanente, que coordinará a actividade da FEG durante o próximo ano.
De cara ao futuro inmediato, alén de desenvolver a tarefa de coordinación e apoio aos colectivos integrantes, a Federación proponse varias liñas de acción, entre as que se destaca a actividade de mobilización propia, no sentido de activar campañas que dean resposta e visibilicen as ameazas que, como consecuencia da destrución ambiental, debe afrontar a nosa sociedade. En definitiva, para os colectivos membros, resulta urxente combater as agresións que se están a producir no territorio con frecuencia a nivel local, e participar noutras accións coordinadas a nivel galego, sen esquecer a problemática global, da xa declarada Emerxencia Climática. A falta de contido en sustentabilidade nas políticas e xestión da administración está a ter consecuencias na calidade de vida e na saúde, e trátase dunha seria ameaza para o futuro. Aínda que escoitamos e lemos no día a día “sustentabilidade”, “economía circular”, “emprego verde”, non acreditamos que o papel todo o aguante nin que se utilicen como “lavado verde”, é urxente definir con criterios estas liñas de acción con obxectivo de frear a degradación ambiental en Galicia.
Unha das campañas que imos abrir como Federación estará centrada en propor unha alternativa ao modelo forestal actual, defendendo a necesidade de pór en valor os nosos montes, tanto no que toca ao mantemento da súa biodiversidade como a modelos de aproveitamento multifuncionais. Entendemos que existen vías que poden fixar poboación no rural e ao tempo reverter a situación de extensión descontrolada de masas forestais monoespecíficas de plantación, nomeadamente de eucaliptos.
Os grupos que conflúen na Federación Ecoloxista Galega, analizaron a importancia de fortalecer a rede que conforman nun momento no que tanto a emerxencia climática como a irrupción da COVID están a mostrar as claras as consecuencias de determinados modelos de desenvolvemento económico.
Ao longo deste ano, e na medida en que o permitan as circunstancias, dende a FEG promoveremos un encontro do ecoloxismo galego no que pór sobre a mesa este tipo de retos, as necesidades dos colectivos en materia de apoio e formación ou as posibilidades de colaborar en accións conxuntas.
Con estes obxectivos, a asemblea encerrouse coa renovación da comisión permanente e co acordo unánime de seguir a tecer a rede do ecoloxismo galego, dando apoio e revisando o modelo económico para dar acubillo a todos os pequenos colectivos espallados polo país, convidándoos a integrarse na federación.
Colectivos incluídos na FEG: Grupo Ecoloxista ADENCO (Condado), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA, Asociación pola Defensa da Ría – APDR (Pontevedra), Colectivo Ecoloxista do Salnés – CES, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia – MEL, Néboa Medioambiente, Asociación de Educación Ambiental Papaventos, Vaipolorío, Verdegaia.