O CES lembra que os bosques dos ríos non son xardíns

Os nosos ríos danos de beber, regan o albariño e as hortas, límpannos, son espazos de lecer e abastecen de auga á industria. Ríos e regatos que aportan frescura e beleza á nosa paisaxe, e son un refuxio de vida natural. Son os ríos dos salgueiros e ameneiros, das londras, libélulas, troitas, martiños peixeiros, garzas e das ánades. Tamén dos muíños, de lavadoiros e de moitas historias e lendas.

Os ríos no Salnés son sinónimo de riqueza e de beleza que a moitos nos gusta gozar e pasear durante o noso tempo de lecer. Pero tamén son sinónimos de mal facer, de contaminación e de impactante feísmo. Son repetitivas as novas na prensa, denuncias do CES ou doutras asociacións veciñais e deportivos da comarca que mostran estes malas prácticas: afeccións na calidade da auga polo encoro de Caldas, verquidos contaminantes do polígono de Oubiña, verquidos de augas quentes nas inmediacións de Ponte Arnelas, achegas de metais pesados polos produtos fitosanitarios agrícolas, turbidez das augas por obras mal executadas, plantas invasoras que deixan sen osíxeno as súas augas e un indesexable longo etc.

Outro destes impactos son os ocasionados pola mal deseño e mantemento das xa omnipresentes sendas fluviais que percorren a totalidade dos ríos dunha certa envergadura do Salnés. Non é a primeira vez que o CES denuncia este xeito aloucado de abrir camiños pola natureza. Celebramos que se promova que a cidadanía teña espazos onde se poida achegar e desfrutar da natureza, pero esta accesibilidade non pode estar feita deste xeito no ríos, xa que os trazados dos paseos non deixan un mínimo espazo para que os bosques de ribeira se desenvolvan. Estes bosques son esenciais para a vida natural do Salnés: regulan o microclima do río xa que sen a súa sombra quentaríase a auga e perdería osíxeno,aportan refuxio e alimento á fauna, son estradas para as especies silvestres unindo distintos ecosistemas separados, as súas raíces depuran o máximo que poden as augas de escorrentía e as súas raíces son o principal aliado contra a erosión das marxes e o agravamento das inundacións.

Por iso é preciso deixarlles espazo para que se desenvolvan estes bosques e non recluílos a unha simple liña de árbores pegados ao río, e dando grazas por elo. A xuizo do CES sería posible facer sendas fluviais dun xeito máis intelixente e respectuoso, simplemente retranqueando os camiños uns metros. Somos conscientes que o trazado vai pegado ao río por cuestión de aforro económico e de tramitacións cos veciños, xa que terían que meterse por zonas privadas, sendo máis fácil facelos cos terreos públicos da chamada zona de policía fluvial, que abarca normalmente unha franxa de 6m a cada beira. Pero aínda así habería xeito de telo feito mellor e repensar estes trazados no futuro. Agora, no presente, tense que tentar que a escasa franxa de bosque perviva e non cortar nin podar os bosques naturais como se se tratara dun xardín da nosa casa. A natureza ten o seu propio sentido estético e os seus equilibrios.

Esta semana o CES ven de enviar varios escritos ás administracións competentes por alteracións na vexetación de ribeira. Por un lado enviouse un escrito a Augas de Galicia e ao Concello de Ribadumia pola poda esaxerada dos ameneiros e outras árbores do paseo do río Armenteira (na ruta da pedra e da auga) no tramo máis preto de Barrantes . Estas cortas dos troncos máis finos e baixos destas árbores deixaron o tronco principal sen pequenas ramas ao redor, “limpo” indo en contra do equilibro natural deste bosque, e restando espazos para a biodiversidade que se agocha entre estas ramas baixas. A poda non semella terse levado a cabo por limpeza de caule ou por perigo ou molestias aos usuarios da ruta xa que non había na zona problemas Apartado 100 O Grove cesalnes.wordpress.com cesalnes@yahoo.es Tlf 680580086 graves destes tipo que non se puideran ter solucionado dun xeito máis puntual. Esta operación semella obedecer a criterios estéticos mal entendidos. Así pedimos explicacións por estes feitos e que se dea formación e uns protocolos claros de actuación aos responsables deste mantemento para que manteñan o paseo seguro para os seus usuarios, pero sen interferir no equilibro do bosque.

Por outra banda, presentamos outro escrito ante o Concello de Cambados e a Consellería de Medio Ambiente como acto preventivo para tentar que non se repitan as rozas na vexetación na marisma e xunqueira que se levaron a cabo nos anos pasados no río Umia ao longo das pasarelas de madeira da senda que transcorre na beira dereita da súa desembocadura deste río. Pedimos que no caso de ser necesaria unha intervención sobre a vexetación que medra ao redor desta pasarela, non se faga co ancho que xa se ten feito dun metro a cada beira ou máis (que se faga unha roza máis puntual e medida nos tramos problemáticos). Este tipo de vexetación ten unha grande importancia ecolóxica, recoñecida na Directiva Hábitat da Unión Europea, e ademais a Foz do Umia forma parte da rede de espazos protexido pola Xunta de Galicia (Zona de Especial Conservación Ons-O Grove e Zona de Especial Conservación para as Aves: ZEPA Umia-O Grove).

Agardamos que a administración nos conteste e que tomen en consideración a nosas opinións e peticións, baseadas no coñecemento ambiental do Salnés que o CES ven recollendo dende fai máis de 30 anos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s