Autorizar ampliacións ou novas granxas de visón americano en plena pandemia é unha enorme temeridade

ADEGA vén de coñecer que se atopa en fase de exposición pública para  a súa avaliación ambiental un proxecto de ampliación da granxa de visón americano situada no Monte Xalo, na localidade coruñesa de Carral, da que é propietaria a empresa Blomvis Spain S.L. Este proxecto propón duplicar a súa capacidade de produción, pasando das 3.000 femias ás 6.500 ás que se sumarían outros 700 machos para criar uns 32.500 visóns americandos de media ao ano, co gallo de abastecer á industria pelexeira.

Desde ADEGA consideramos que a tramitación deste tipo de proxecto está absolutamente fóra de lugar e resulta especialmente temerosa e irresponsable por parte da Xunta nuns momentos nos que aínda nos atopamos inmersos nunha forte crise sanitaria, en pleno estado de alarma e sufrindo as consecuencias dunha pandemia mundial á que este tipo de instalacións poderían contribuír de xeito significativo, como xa constatou a comunidade científica internacional. O Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) recoñece o papel que as granxas de visón americano teñen como reservorios do virus e focos de alto risco de contaxio, debido a transmisión do virus que se pode dar entre estes animais e as persoas, e viceversa, e á posibilidade de favorecer mutacións derivadas do SARS-CoV-2 e a expansión de novas cepas.

A Xunta demostrou unha total indiferencia diante das reiteradas reclamas de ADEGA e doutras organizacións ecoloxistas a prol do peche destas granxas e, moi ao contrario de adoptar as medidas drásticas que esixe a actual situación, está apostando por favorecer e agravar a crise sanitaria dando curso e alento ás solicitudes desta industria para ampliar as súas instalacións. E para máis disparate, logo de que xa se teñan producido en Galiza surtos de COVID-19 en dúas granxas de visón americano, na Baña e en Santiago de Compostela, que en conxunto supuxeron o sacrifio de preto de 10.000 animais (9.654 exemplares).  

Resulta demencial seguir promovendo e admitindo a trámite autorizacións para este tipo de explotacións cando a comunidade científica e outros países europeos alertan sobre o seu perigo para a saúde pública e a necesidade de pechalas ou suspender a súa actividade. Isto sen ter en conta o negativo impacto ecolóxico e e para o benestar animal que representan.

Por outra banda, tal e como xa denunciou ADEGA o pasado mes de decembro, debemos lembrar que todas aquelas autorizacións de novas granxas ou ampliacións de explotacións de visón americano que se outorgasen en Galiza a partir de marzo de 2016 poderían estar incorrendo nunha ilegalidade. Podería ser tamén o caso desta ampliación da granxa de Carral, de autorizarse, dado que estaría contrariando unha sentenza do Tribunal Supremo que elimina a posibilidade de aproveitamento gandeiro de especies exóticas invasoras como é o visón americano (Neovison vison), tamén naqueles territorios nos que non está presente o visón europeo (Mustela lutreola), como é o caso de Galiza.

Desde ADEGA esiximos que a Xunta e, nomeadamente, a Consellaría de Medio Rural, rexeite de plano a tramitación deste e doutros proxectos que soliciten tramitación na procura dun maior asentamento en Galiza, ademais de decretar dunha vez por todas o peche definitivo de todas as instalacións desta índole que están en activo en Galiza.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: