A Federación Ecoloxista Galega alega contra o Proxecto do Parque Eólico do Castrove

A Federación Ecoloxista Galega, vén de remitir á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un informe sobre o proxecto do Parque Eólico Castrove e o alcance que debería ter o Estudo de Impacto Ambiental do mesmo. Este informe, solicitado pola Dirección Xeral, responde ao Documento de Inicio do proxecto, que se atopa en fase de consultas. A FEG, deixa claros no seu texto os danos ambientais, económicos e sociais que carrexaría a construción dese parque eólico.

O Documento de Inicio, que abre a tramitación ambiental deste proxecto contén unha estrafalaria argumentación que pretende facer pasar por certas dúas falsidades. A primeira delas é a suposta necesidade da construción dun parque eólico no Monte Castrove; esta necesidade proviría, segundo os promotores, da realmente necesaria transición enerxética á que obrigan os obxectivos comunitarios e o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030. Ninguén dubida da necesidade de reducir a emisión de gases de invernadoiro, que proceden en boa medida da produción de enerxía eléctrica, e dos beneficios ambientais das enerxías renovables; pero resulta fundamental harmonizar sempre o desenvolvemento destas enerxías coa consecución doutros obxectivos fundamentais para manter o necesario equilibrio entre a nosa sociedade e os sistemas naturais; obxectivos tan esenciais como os da conservación da biodiversidade e dos hábitats, dos solos, os recursos hídricos ou os recursos naturais. E existen sen dúbida alternativas en forma de modos de produción non impactantes e en forma de aforro no consumo de enerxía eléctrica que fan absolutamente innecesaria a construción de estruturas cun forte impacto como é o parque proxectado. Falla no documento unha xustificación da necesidade da enerxía que se pretende producir para non caer no disparate de construír estruturas con graves efectos ambientais e no conxunto da sociedade para xerar unha enerxía que non se necesita, o que obrigaría á súa exportación con grandes perdas. Convén ter en conta que Galicia é pioneira en España no desenvolvemento de enerxía eólica e que na actualidade o sector eólico galego conta con 3.814 MW. de potencia instalada, é dicir que Galicia ten sufrido xa importantes impactos ambientais e asumir máis degradación podería poñer en perigo o seu propio futuro social e económico.

A segunda grande falsidade, consiste no intento por minorar artificiosamente os impactos que o parque provocaría de forma absolutamente enganosa. A pesar de que no Documento de Inicio recoñécese a afección a cinco hábitat prioritarios e de interese comunitario, á fauna local e rexional, aos solos xa de por si degradados polos incendios forestais e polo tanto necesitados de protección, aos recursos hídricos xa que afectará a sistemas moi febles de circulación subterránea e por suposto á paisaxe, cando toca cualificar esa degradación, considéraa compatible coa construción do parque! Este é o grande engano! A realidade é que a construción deste parque con aeroxeneradores de máis de 200 m de altura cambiaría a fisionomía da Ría de Pontevedra e afectaría negativamente ás actividades relacionadas co turismo ao converter paisaxes naturais en paisaxes industriais. Os danos ambientais e á economía da zona serían, sen dúbida, moi severos.

 Por estas razóns, detallando os danos aos ecosistemas afectados no parque e na zona de influencia, os prexuízos para flora e fauna, para solos recursos hídricos e o dano para a paisaxe e a economía da bisbarra, a FEG vén de solicitar a interrupción definitiva da tramitación e a retirada do proxecto que provocaría un dano grave e totalmente evitable.

Unha opinión sobre “A Federación Ecoloxista Galega alega contra o Proxecto do Parque Eólico do Castrove

Add yours

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: