ADEGA insta a aplicar o principio dos 3’s da enerxía para enfrontar a crise climática

En ADEGA estamos convencidas de que a actual vaga de macroproxectos eólicos non é a resposta á imperante necesidade de descarbonización e transición ecolóxica. Malia que estamos a favor das enerxías renovábeis, opoñémonos ao modelo enerxético sobre o que Xunta e Estado están sustentado esta transición, que segue a beneficiar o status quo do oligopolio das grandes multinacionais da enerxía, que non reverte en beneficio da sociedade nin é xusta coas persoas e que non respecta a paisaxe nin o medio ambiente.

En Galiza, dicimos “Así Non” a moitos dos proxectos eólicos en tramitación porque se basean nun modelo enerxético obsoleto, sustentado nun Plan Eólico Sectorial desfasado que non atende ás peculiaridades propias do país. Galiza xa acadou os obxectivos da UE para 2030 en materia de produción enerxética a través de renovábeis e xa produce tanta electricidade como a que consome, exportando anualmente arredor do 30% da electricidade producida. Porén, é un dos territorios do Estado con máis de 200 proxectos eólicos en tramitación promovidos, tanto pola Xunta como polo Estado, que en total suman arredor de 10.000 MW de potencia. A exigua Rede Natura de Galiza, que non chega ao 12% do territorio, e a nosa característica dispersión poboacional implicará ademais fortes impactos ambientais e sociais irreversíbeis. Moitos dos proxectos eólicos en tramitación provocarían un importante deterioro de ecosistemas chaves para afrontar a mudanza climática tales como matogueiras, brañas, turbeiras e outras zonas húmidas. Ademais, afectarán a mananciais, nacentes de auga ou ríos e alterarán espazos que son acubillo dunha ampla comunidade de especies animais e vexetais de interese comunitario.

Por tanto, ADEGA insta ás administracións públicas con competencias a que definan un modelo enerxético alternativo ao actual sistema espoliador, antisocial e antiecolóxico e a aprobar só aqueles proxectos eólicos que respondan ao principio dos 3’s da enerxía. Este debe procurar a soberanía enerxética, ser socialmente xusto e respectuoso co medio ambiente, isto é, apostar por unha enerxía soberana, social e sustentábel.

Tras o último e contundente informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) no que se recoñece que estamos ante a última oportunidade de aumentar a ambición das políticas climáticas, desde ADEGA apremiamos aos gobernos a aplicar este cambio de paradigma.

Enerxía Soberana

As boas condicións que ofrece Galiza para a produción eólica sitúanos no punto de mira das empresas eléctricas, ao igual que aconteceu hai décadas coa construción dos grandes encoros. A afección sobre o medio provocada pola industria enerxética é xa elevada. Tamén elevada é a taxa de produción eléctrica do país, polo que, aínda aceptando o principio de solidariedade enerxética, defendemos que debe primar a produción para consumo interno por riba da sobreprodución para demanda externa.

Ademais, apostamos polas instalacións a pequena e media escala que permiten achegar os centros de produción aos de consumo, reducindo así a perda de enerxía derivada do transporte a longa distancia, e o fomento da desconexión da rede eléctrica controlada polo oligopolio do sector.

Enerxía Social

A produción enerxética está en mans dos grandes capitais (Iberdrola, Enel, Naturgy, Green Capital Power…) Rexida por principios de rédito económico e especulativos, deixa fóra da ecuación a calidade de vida e os intereses das persoas afectadas pola eólica. Por iso defendemos un modelo que contribúa á economía local así como a socializar os beneficios, por exemplo, a través proxectos enerxéticos de xestión pública ou de comunidades enerxéticas locais. Con este novo enfoque, a produción debería orientarse a loitar contra a pobreza enerxética á vez que permitir a convivencia cos usos forestais a agrogandeiros.

Enerxía Sustentábel

Malia estarmos a falar de enerxías renovábeis, entendemos que non sempre son sustentábeis. A industria eólica depende en parte da existencia de combustíbeis fósiles, polo que defendemos que o principal camiño a percorrer debe ir na dirección de reducir o consumo e axustar a produción eléctrica á demanda, evitando poñer a produción eólica ao servizo da especulación. Ademais é preciso limitar o emprazamento de eólicos a grande escala a áreas de escaso valor ecolóxico, patrimonial ou paisaxístico.

A folla de ruta enerxética debe ir cara a redución do consumo e as instalacións a pequena e media escala, liberando ao rural de se transformar nun macropolígono industrial coa escusa de ser a despensa eléctrica das cidades.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: