A falsa retirada de CO2 nos montes de ENCE

É frecuente atopar nos xornais informacións subministradas pola empresa, nas que ENCE alardea de propiciar a retirada de dióxido de carbono (CO2 ) nas plantacións de eucaliptos que posúe ou xestiona ou naquelas nas que merca madeira para as súas fábricas. Pero este alarde oculta unha grande falsidade; de facermos un balance realista, comprobaremos clara e facilmente que as emisións superan á absorción.

Ninguén pode negar que a actividade fotosintética implica a absorción de CO2 da atmosfera e que o carbono desta molécula queda fixado en forma de moléculas orgánicas que constitúen as estruturas vexetais que conforman a árbore e polo tanto é retirado da atmosfera e acumulado na madeira, codia, follas etc. Pero o problema é por canto tempo se retira porque si a madeira se utiliza, por exemplo, para queimar como fai ENCE cunha parte das árbores (a que utiliza na súa planta de biomasa), ese carbono retorna de novo á atmosfera en forma de CO2 . É importante a captura de carbono a prazo longo, de máis de 30 anos, como no caso da madeira empregada na construción ou no mobiliario durábel xa que así nos damos un prazo para mellorar a tecnoloxía e reducir o consumo de combustibles fósiles con depósitos duradeiros de carbono orgánico.

Por esta razón, é fundamental saber canto dura fixado o carbono orgánico da madeira utilizada para elaborar pasta de papel. De acordo co Regulamento da UE 2018/841 do parlamento europeo e do Consello de 30 de maio de 2018 sobre a inclusión das emisións e absorcións de gases de efecto invernadoiro resultantes do uso da terra, o cambio de uso da terra e a silvicultura no marco da actuación en materia de clima e enerxía hasta 2030, que establece as fórmulas para o cálculo dos fluxos de carbono entre a atmosfera e os sistemas naturais, o valor da “semivida” é dicir o tempo que tarda en reducirse á metade do seu valor inicial o carbono almacenado na madeira utilizada para fabricar pasta de papel, é de 2 anos, o que quere dicir que ao cabo de 4 anos a inmensa maioría do carbono contido na madeira xa está de novo circulando pola atmosfera como CO2 . Nese sentido, trátase dunha retirada inútil.

Pero, para completar un balance xusto, hai que facerse outras preguntas; en primeiro lugar, destrúe a empresa reservas naturais de carbono? A resposta é indubidablemente si. Dunha banda, debemos ter en conta que até o 60% da materia orgánica dun bosque está no solo e que a actividade intensivista, con forte mecanización e utilización de agroquímicos, destrúe os solos forestais ao provocar a perda das súas compoñentes orgánicas e a súa capacidade para soportar vexetación. Por outra, ao ser o eucalipto unha especie pirófita, favorece a expansión dos incendios e a perda de materia orgánica polos solos; o novo Plan Forestal da Xunta utiliza o concepto de “eucaliptais degradados” para estes terreos ermos.

Unha segunda pregunta sería, emite ENCE CO2 procedente de combustibles fósiles? a resposta tamén é clara. A propia empresa ten asegurado que centos de camións circulan a diario para servir á fábrica de Lourizán y estes vehículos son grandes emisores netos. Tamén utiliza a empresa gas natural que procede de xacementos xeolóxicos que actuaban como reservas de carbono.

Fagamos logo un balance razoable. O cultivo de especies de crecemento rápido implica a absorción de grandes cantidades de dióxido de carbono da atmosfera pero este é devolvido na súa totalidade nun prazo extremadamente curto co que a absorción queda anulada. E que pasa coas emisións netas? a utilización da maquinaria nos traballos forestais e no transporte e procesamento, alimentada con combustibles fósiles implica a emisión de grandes cantidades de CO2 ao igual que a utilización doutro combustible o gas natural nas súas caldeiras. A destrución das reservas de carbono orgánico nos solos tamén implica a emisión deste gas de invernadoiro, estes perden con esta materia orgánica a súa capacidade para soportar vexetación que poda chegar a actuar como verdadeiro sumidoiro. En resumo, e sen entrar nas emisións doutros gases de invernadoiro, sendo realistas e rigorosos, a actividade forestal de ENCE implica a emisión de grandes cantidades de CO2.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: