
O pasado venres 15 de outubro, baixo o lema “Stop Gandaría Industrial, Moratorias Xa”, a Plataforma Auga Limpa Xa!, xunto ao Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega, organizadas baixo o paraugas da Coordinadora Stop Gandería Industrial, déronse cita na Xefatura Territorial do Medio Rural, na de Sanidade e na Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Ourense, así como na Xefatura Territorial do Medio Rural na Coruña, para denunciar a proliferación de instalacións de gandaría industrial no noso país.
As desastrosas consecuencias que este modelo ten para contornas como A Limia e outras comarcas galegas –sobreexplotación dos acuíferos, contaminación de chans, contaminación de auga por nitratos, destrución de espazos naturais…etc–, motivou ás organizacións a pedir unha moratoria á concesión de licenzas destes proxectos industriais, polo menos até que exista un plan estratéxico que estableza a carga gandeira máxima para cada comarca e se cumpran as normativas. Xunto a unha carta coas demandas das organizacións, tamén presentaron diversas mostras de augas cotaminadas polos efectos da gandaría industrial e que producen un grave impacto ambiental, salientando a proliferación de toxinas no encoro das Conchas, na Baixa Limia, converténdoo no sumidoiro da gandería industrial limiá.
“O crecemento da gandaría industrial está absolutamente descontrolado. Concédense continuamente autorizacións ambientais para a ampliación de explotacións industriais xa existentes, elevando o censo gandeiro, ou a instalación de novas explotacións, principalmente en municipios pouco poboados, aproveitándose de que nestes pobos hai pouca xente, e por tanto, pouca oposición. Máis o certo é que hai moita xente preocupada e mobilizándose nestes territorios. Isto non é unha solución ao reto demográfico, o único que fai é agravar a vulnerabilidade da poboación rural”, declarou Montse Valencia, de Auga Limpa Xa! As organizacións rexistraron a solicitude dunha moratoria, tanto en Galicia coma noutros lugares do estado, xunto coas principais demandas do movemento. Tamén se solicitou unha reunión co Conselleiro do Medio Rural, o de Sanidade e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para poder expoñer un problema que padecen centos de pobos no estado español, esixindo solucións urxentes. Entre as demandas esixiron:
● Unha moratoria inmediata para todos os novos proxectos de gandaría intensiva e ampliacións dos existentes.
● Que se establezan de forma inmediata as Zonas Vulnerables aos Nitratos (ZVN)
● Un código de boas prácticas agrarias de obrigado cumprimento.
● Que se reduza a carga gandeira
● Un estudo epidemiolóxico para determinar as afeccións para a saúde
● A ampliación da rede de estacións de control para determinar a contaminación por nitratos
● Unha supervisión e inspección eficaz por parte da administración.
● Un Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable tanto para a ZEPA da Limia (6.939,2 ha) como para a súa zona periférica de protección (7.558,6 ha)
● Que se promova a recuperación da gandaría extensiva.
● Que se desenvolvan plans de recuperación e conservación para.
especies e hábitats.
● Que se avance na protección real das veigas que contan con figuras de protección da natureza e se declaren espazos protexidos aquelas que non contan con estas figuras de protección.