5+1 falsidades para branquear o eucalipto na actual moratoria

ADEGA vén de denunciar unha roza masiva de matogueira ben conservada, seguida poucos días despois dunha apertura de sucos destinados a plantar eucaliptos, no concello de Sobrado dos Monxes. Os sucos pasaban mesmo por un prado recentemente pastado contiguo á xa desaparecida matogueira. En abril, os produtores de madeira recoñecían que “se lles foi a man plantando eucaliptos polo seu prezo” (LIGAZÓN 1). Soaba que recuaban, pero esa marcha atrás era un propósito FALSO!

Preto de alí, unha hectárea de brañas húmidas (hábitat 4020 Uceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix), hábitat de interese considerado de conservación prioritaria pola Unión Europea, foi salvaxemente rozada, drenada e plantada con eucalipto en plena vixencia da moratoria do eucalipto (mes de setembro). Chamativamente, plantaron os eucaliptos non na gabia escavada para drenar, senón no acumulo lineal de terra a carón da gabia, para evitar que a auga estragase as raíces.

Esta hectárea de brañas debería ser obxecto de axudas para a conservación, segundo o artigo 11 da Lei 5/2019, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia (LIGAZÓN 2). Textualmente: “No outorgamento das axudas (…) darase prioridade (…) as actuacións para desenvolver nas áreas de presenza ou críticas para as especies ameazadas, ou nas áreas con hábitats ameazados ou cualificados como prioritarios para a Unión Europea”. Cando a administración di que fai todo o posíbel por conservar os hábitats prioritarios é absolutamente FALSO!

Mentres sucede isto, e nese mesmo concello, perpétrase outra roza de matogueira no que os restos do labor dos tractores (pólas, cortizas, terra) caen dentro do percorrido do Camiño de Santiago, ateigado de peregrinos neste Ano Santo. Os sucos labrados para a futurible plantación de eucaliptos mesmo incumprirían as distancias mínimas ao Camiño, estipuladas nuns ridículos 30 metros pola Lei 7/2021, de Montes de Galicia.

Se visitamos a web de Turismo de Galicia (LIGAZÓN 3) dísenos: “En el camino desde Sarria entraréis en contacto con el corazón de la Galicia más rural, atravesando las provincias de Lugo y A Coruña. Durante el recorrido pasaréis por robledos, bosquecillos y prados en los que podréis ver las vacas de raza rubia gallega o frisona paciendo tranquilamente. Esta es, sin duda, la mejor oportunidad para ver de cerca cómo es la vida en el campo y para empaparos del aire puro de estas verdes tierras.”. FALSO.

Tamén, simultaneamente, a principal empresa pasteira do Estado aproveita a conxuntura da COP26 de Escocia (LIGAZÓN 4) para publicar en prensa contidos (moitas veces patrocinados) que veñen dicir que o eucalipto fixa carbono e contribúe a mitigar o cambio climático. Supoñemos que se refiren a Australia. Se queren falar das plantacións de eucalipto en Galiza esquecen (queremos pensar que non intencionadamente) todo o CO2 que se libera cando se leva a maquinaria ao monte e cando se roza-labra-planta o monte. E máis dióxido de carbono á atmosfera logo dun tempo cando se corta a árbore (e máis maquinaria no monte), os tráilers a transportar madeira moitos quilómetros (e a emitir moito CO2) e en todo o proceso de produción da polpa e logo do papel. E iso sen contar os incendios que pode haber no eucaliptal mentres este medra, que tamén emiten dióxido de carbono. Fixación de CO2? FALSO!

E, claro está, mentres todo isto ocorre, o monte galego segue inzándose de eucaliptos. Tantos, que ADEGA xa certificou unha extensión mínima equivalente a 200 campos de fútbol os eucaliptais plantados ilegalmente desde o final da moratoria (LIGAZÓN 5).

En resumo, que se nos fale de que hai a día de hoxe unha moratoria para as plantacións novas de eucalipto é algo rotundamente FALSO. O que hai é un branqueo da eucaliptización sen ningún tipo de vergoña.

Addenda: esquecemento intencionado do ditame científico do Ministerio

Nuns días vanse cumprir 4 aniños do histórico ditame do Comité Científico do (daquela) Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (LIGAZÓN 6). Nel, cunha argumentación impecábel en 18 páxinas, concluían que “Constatado con los datos científicos disponibles el carácter invasor de las especies de Eucalyptus naturalizadas en nuestro país, se concluye que se debería incluir en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto, bajo el criterio de la IUCN (2000), a todas estas especies: Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. gomphocephala, E. gunnii, E. nitens y E. sideroxylon, así como cualquier otra especie de este género cuyo destino sea la explotación forestal, debido al alto riesgo de invasión por estas especies consecuencia de sus características biológicas, fisiológicas y ecológicas. Se recomienda extremar la precaución con nuevas introducciones y plantaciones, y se recomienda un seguimiento local y llevar a cabo medidas de erradicación antes de que se produzca la invasión siempre que se observe naturalización de cualquier especie de Eucalyptus en nuestro territorio”.

Este ditame foi rexeitado apresuradamente polo goberno español, sen máis argumentación que as valoracións dun catedrático vencellado á industria do eucalipto (LIGAZÓN 7). En vista da solidez de argumentos do Comité Científico, e a resposta insatisfactoria para ADEGA por parte do goberno español, se alguén di que o eucalipto non é invasor en Galiza poderemos responderlles con claridade: FALSO!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: