A chantaxe da Xunta aos concellos da Mancomunidade do Barbanza para favorecer a SOGAMA e ECOEMBES

Medio Ambiente enviou cartas aos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza que opera a planta de Lousame por supostos incumprimentos da normativa de residuos, exixindo melloras e cuestionando a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe. Curiosamente, a consellaría esqueceu mencionar as ruinosas cifras de SOGAMA ocultando os reiterados incumprimentos legais que amosa o seu modelo e as consecuencias que para os concellos enganchados á incineración vai ter o establecemento de taxas aos tratamentos finalistas.

Xogo de trileiros: medias verdades e ocultacións

Na súa ameazante misiva, a Xunta invoca o cumprimento da Lei galega de residuos (6/2021), a normativa estatal (RD 646/2020) e a europea (Directiva 2018/851) que establecen as condicións e obxectivos de reciclaxe das diversas fraccións dos residuos municipais. De seguido, sinalan que as cifras de reciclaxe (31.4% en 2020) do modelo de xestión da Mancomunidade do Barbanza “están moi lonxe de acadar estes obxectivos”, a saber, o 50% de reciclado (nova lei estatal de residuos, en tramitación) e un máximo do 40% a vertedoiro en 2025.

Deixando á marxe que os datos do Complexo do Barbanza corresponden a 2020, ano pandémico no que non funcionaron as liñas de triaxe polas restricións do COVID, chama poderosamente a atención que a Xunta só se amose preocupada polos supostos incumprimentos do sistema Lousame, e non comente os resultados do sistema SOGAMA, que leva case de 30 anos amosando as cifras máis baixas de reciclaxe do Estado español.

Facendo uso dos datos subministrados polo MITECO na súa Memoria anual de xeración e xestión de refugallos municipais do ano 2018, previo á pandemia, podemos comparar as cifras dos sistemas Barbanza e SOGAMA (figura lateral).


Os resultados son claros: o modelo SOGAMA ao que están aderidos 295 concellos galegos aplica tratamentos finalistas (incineración e vertido) a máis do 96% dos refugallos municipais que recibe e xenera, reciclando só un 3,16%.
Pola súa banda, o complexo medioambiental do Barbanza (9 concellos) reciclou en 2018 un 13% dos residuos recibidos, compostou a materia orgánica doutro 22,43% e enviou a vertedoiro, sempre previa triaxe, arredor dun 64%. E cómpre subliñar que en 2018 SOGAMA compostou 0% (CERO) residuos orgánicos e que no Barbanza, CERO foi precisamente o que se incinerou. Que sistema está pois máis lonxe de cumprir cos requerimentos das directivas europeas?

Cuestionar o modelo húmido/seco para favorecer a ECOEMBES a pesar dos mellores resultados do Barbanza

Outro dos argumentos da Xunta para coaccionar aos concellos aderidos á planta de Lousame é o cuestionamento do modelo húmido/seco, debido a unha interpretación interesada e torticeira da Directiva 2018/851.
Para a Xunta, o contentor de inertes ao que no Barbanza van parar os refugallos non orgánicos, non permite unha axeitada separación das fraccións (plásticos, metais e residuos de envases). O único sistema válido para a Xunta é o de ECOEMBES (contentor amarelo), que está patrocinado polas grandes produtoras de residuos e que como veremos amosa unha pobre recuperación material.

Para cuestionar o modelo de recollida do Barbanza a administración galega válese dunha suposta “nota interpretativa” do MITECO, sen data nen sinatura e que achega coa súa carta, que conclúe que o modelo húmido/seco non cumpriría co requerimento de recollida separada das fraccións.


Deixando á marxe a cuestión de que na propia nota o Ministerio aponta que non ten carácter vinculante, resulta que entre os argumentos que expón tirados da propia Directiva 2018/851 dise que (Art. 10.3):

Os Estados membros poderán autorizar excepciónsao disposto no apartado 2 [recollida separada das distintas fraccións dos residuos], sempre que se cumpra polo menos unha das seguintes condicións:
a) que a recollida conxunta de determinados residuos non afecta á súa aptitude para a súa reutilización, reciclado … e que o resultado sexa dunha calidade comparábel á acadada mediante a recollida separada.

Pois ben, voltando aos datos da Memoria de residuos do MITECO para 2018, podemos comparar a recuperación das distintas fraccións nos sistemas do Barbanza e SOGAMA. Vemos que o sistema húmido/seco usado polos concellos da Mancomunidade, recupera case catro veces máis materiais por habitante e ano que SOGAMA co contentor amarelo de ECOEMBES (ver gráfico).


Quen debería pois tomar exemplo de quen? Terá algo que ver que a actual Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta, asinante da carta, foi dende o ano 2012 até o seu actual nomeamento responsábel de asuntos científicos e regulatorios de Coca-Cola Iberia, unha das empresas “padroas” de ECOEMBES?

O novo tarifazo encoberto que prepara a Xunta para os concellos aderidos a SOGAMA

Para rematar a chantaxe da súa vergoñenta misiva, a Xunta permítese advertir aos concellos da Mancomunidade que na nova Lei de residuos estatal trasladarase a obriga europea de gravar cun imposto as tratamentos finalistas, isto é, a incineración e o vertido. Á marxe que a Xunta só fala no seu escrito de imposto por depósito en vertedoiro, esquecendo que a incineración con ou sen recuperación de enerxía tamén será gravada, coidase moito en mencionar que máis do 96% dos residuos que trata SOGAMA acaban (56% incineración e 40% vertedoiro) como tratamentos finalistas. Mesmo aponta sen xustificación legal, que as contías da taxa por vertido serían de 40€ por tonelada para os residuos sen tratar e 30% para os tratados.

Voltando aos datos do MITECO para 2018, resulta que SOGAMA aplicou tratamentos finalistas a 931.846,68 toneladas de refugallos en 2018. Tomando como base o treito máis baixo (30€) que a Xunta indica como referenza do imposto, resulta que SOGAMA debería ter pagado unha cantidade por vertido/incineración próxima aos 28 millóns de € en 2018.


Cando entre en vigor esta medida, transposta dende a normativa europea, de onde vai sacar SOGAMA estes cartos? Evidentemente, do que se lles cobra aos 295 concellos aderidos polo “tratamento”, o que suporá un encarecemento de arredor do 50% na factura do lixo.

ADEGA insta á Xunta a deixar a estratexia do matonismo e a ameaza para tentar desestabilizar o sistema de tratamento alternativo a SOGAMA da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza.
Á vista das cifras que amosa SOGAMA, máis lle valería poñese as pilas, tomar exemplo do Barbanza e aplicarse a mellorar o sistema se non quere que a UE sancione o desastroso modelo de xestión dos residuos que promove. E de paso, ben faría tamén en informar aos seus 295 concellos das graves consecuencias económicas que van ter que asumir se seguen confiando en SOGAMA e ECOEMBES.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: