A FEG ven de remitir as súas achegas aos Plans Hidrolóxicos das demarcacións Galicia Costa e Miño-Sil

Dentro do prazo de exposición pública dos documentos que conforman os proxectos dos plans hidrolóxicos da Demarcación de Galicia Costa e da do Miño-Sil, a Federación Ecoloxista Galega ven de aportar as súas achegas solicitando modificacións que melloren a xestión sostible dos recursos hídricos e a conservación dos ecosistemas asociados á rede fluvial.

Tense solicitado que os plans conteñan medidas que eviten baleirados de encoros ao antollo dos intereses das empresas eléctricas e sen ter en conta as necesidades de auga para consumo nin as ambientais, tamén se solicita o establecemento de caudais ecolóxicos que verdadeiramente aseguren a conservación dos ecosistemas, o desmantelamento das presas con concesións caducadas, a redución paulatina de obstáculos que dificultan e mesmo impiden as migracións naturais dos organismos fluviais, a redución da contaminación, a protección de zonas nas que se atopan hábitats de importancia comunitaria ou a priorización dos usos ambientais da auga fronte a outros como os industriais.

Ademais de realizar achegas en aspectos concretos e destacados de cada demarcación, a Federación Ecoloxista Galega ten feito fincapé no seu informe en elementos fundamentais da planificación hidrolóxica en Galicia que non se teñen en conta ou se teñen en pouca medida nos plans para o ciclo 2021-2027 a pesar da necesidade de realizar accións de forma urxente. Neste sentido, a pesar de que a evolución dos datos indica unha redución paulatina e xeral dos caudais dos ríos de Galicia e un aumento da duración dos períodos de seca que reflicte a afectación dos recursos polos cambios no clima que xa se están a percibir, non se adoptan medidas que permitan conservar na medida do posible a dispoñibilidade dos caudais que os ecosistemas e a nosa sociedade necesitan. Esta diminución dos caudais é concordante coas conclusións do último informe de setembro do Panel Intergubernamental de Cambio Climático, que conclúe que o cambio climático está afectando aos patróns de precipitación e que destaca o feito de que ningunha rexión do planeta escapa aos impactos da crise climática sendo contundentes as probas de que os fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos xa afectan, e o farán cada vez en maior grao, a todas as rexións do planeta; trátase de fenómenos como ondas de calor, chuvias torrenciais ou secas que tamén van afectar as nosas redes fluviais. Diante deste panorama que augura unha inestabilidade na dispoñibilidade dos recursos e un incremento dos riscos, resultaría fundamental e urxente que os instrumentos de planificación hidrolóxica comecen a adoptar medidas para afrontar os cambios que sabemos a ciencia certa que van a acontecer. Mirar para outro lado, fará que os recursos hídricos e os ecosistemas asociados aos sistemas fluviais sufran con maior severidade as consecuencias máis crúas da emerxencia climática.

“Como deixa en claro o informe de hoxe, non hai tempo para demoras nin lugar para escusas” António Guterres, secretario xeneral da ONU, 6 de setembro de 2021 Outro factor que inflúe na dispoñibilidade dos recursos hídricos e que depende tamén dos cambios no sistema climático é a frecuencia e intensidade dos incendios forestais. Os incendios forestais destrúen a vexetación e polo tanto a capacidade de retención da auga de precipitación nas zonas afectadas favorecendo a perda de caudal, a erosión dos solos que introduce sedimentos nos ríos modificando a hidrodinámica e incrementando o perigo dun evento con potencial de risco. É necesario que as políticas hidrolóxicas e a planificación forestal se coordinen para poder conservar os caudais, máis neste escenario de emerxencia climática.

Na Federación Ecoloxista Galega, agardamos que os documentos definitivos da planificación hidrolóxica para as demarcacións de Galicia Costa e do Miño-Sil para o próximo ciclo, recollan a necesidade urxente de mellorar a calidade e a dispoñibilidade da auga dos nosos ríos e de conservar os ecosistemas fluviais e palustres, as cabeceiras da rede, os bosques de ribeira e as canles naturais dos ríos e o litoral.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: