
A asemblea xeral do Monte Veciñal de Santiago de Covelo (concello de Covelo) acordou por unanimidade rexeitar a instalación na súa propiedade do parque eólico da Telleira, promovido polo grupo empresarial Adelanta. Así denunciamos o intento de espolio ambiental, paisaxístico, económico e cultural, non só no noso monte, senón en toda Galiza.
O monte veciñal de Covelo non se opón ao desenvolvemento da enerxía eólica no noso país, necesario para a descarbonización e a electrificación da enerxía consumida, mais entende que a actual planificación dual da Xunta de Galiza e do Estado posúe 3 trazos que a fan indesexábel:
1º- É socialmente inxusta: Porque os prexuízos e os impactos son para a xente do rural, por mor da construción de novas vías de acceso aos montes, de multitude de liñas de alta tensión, do ruído, a reclasificación e cambios dos usos do solo, a perda de valor das propiedades, o impacto paisaxístico… mentres que os beneficios son para uns poucos debido á centralización e ao oligopolio eléctrico.
2º- Economicamente é un roubo: Porque apenas o 1% da facturación anual dos PPEE recae nos propietarios dos montes onde están situados segundo datos do OEG (Observatorio Eólico de Galiza) e as empresas poden expropiar os terreos co beneplácito da Xunta de Galiza.
3º-É ambientalmente insustentábel: Porque o actual Plan Sectorial Eólico carece de avaliación ambiental estratéxica e os espazos protexidos na Galiza son moi reducidos pois a ampliación da rede Natura 2000 foi paralizada de xeito premeditado polo actual goberno galego.
O Monte Veciñal de Santiago de Covelo forma parte dende 2018 do rexistro ICCA, elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. É a primeira área da península Ibérica (xunto á CMVMC de Froxán) e a terceira de Europa en acadar este recoñecemento. Esta listaxe recoñece os mellores exemplos da xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes.
As liñas mestras de ICCA, nome baixo o que se recoñecen todos aqueles territorios xestionados polas comunidades locais, xiran en torno a tres puntos principais: unha comunidade ben definida e vencellada ao territorio (a veciñanza); un sistema propio de gobernanza e toma de decisións que teña en conta a participación da mencionada comunidade (a asemblea); e un compromiso de conservación e uso sustentábel do hábitat para evitar danos ou deterioro medioambiental (o monte).
A COMUNIDADE DE MONTES DENUNCIA O ATAQUE DO CONCELLO DE COVELO, E DA EMPRESA CONTRA A SÚA AUTONOMÍA E SOBERANÍA
A empresa, en conivencia co goberno local do PP, tentou por todos os medios boicotear e influír nos órganos de goberno do monte veciñal. Así dende o concello de Covelo foron facilitados números de teléfono de determinados veciños á empresa Adelanta co obxectivo de encirrar e dividir, chegando a ofrecerlles servizos xurídicos gratuítos para se opor ás decisións dos órganos de goberno do monte.
Non o conseguiron, a veciñanza do monte en man común de Covelo está orgullosa da súa comunidade e plenamente empoderada e consciente dos seus dereitos polo que non vai permitir que ningunha forza allea expropie a súa propiedade nin se entremeta na súa xestión.