A administración dá osíxeno ás eólicas mentres afoga á cidadanía

Non só a Xunta favorece ás empresas eólicas poñendo atrancos á participación pública. Tamén o Ministerio de Transición Ecolóxica vén de ampliar os prazos dos trámites para a autorización de parques eólicos, outorgando ás empresas 9 meses máis para facerse cos permisos. Mentras, cidadanía e concellos vemos como os prazos de consulta son cada vez máis reducidos…

O  Ministerio de Transición Ecolóxica vén de aprobar un Real-Decreto polo que se amplían os prazos dos chanzos administrativos intermedios relativos á declaración de impacto ambiental e ás autorizacións administrativas previa e de construción dos proxectos eólicos. Isto isupón outorgarlle as promotoras unha prórroga de nove meses máis para conseguir unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel, acadar os permisos de conexión ou de evacuación, así como a autorización previa ou de construción dos parques eólicos. Se a promotora incumpre os (novos) prazos, suporá a caducidade automática dos permisos de acceso e conexión.

Eís, un extracto do “RDL 29/2021, de 21 de diciembre, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito energético para el fomento de la movilidad eléctrica, el autoconsumo y el despliegue de energías renovables: “Por las razones expuestas, este real decreto-ley extiende por un plazo adicional de nueve meses las fechas previstas en el Real Decreto-ley 23/2020, de 23 de junio, para os hitos intermedios relativos a la declaración de impacto ambiental y las autorizaciones administrativas previa y de construcción, sin extender el plazo total de cinco años para el hito final de obtención de la AAE”.

Antes da aprobación desta norma, o próximo fito administrativo de relevancia establecido polo Real Decreto-Lei 23/2020 ía ser o mes de abril, no que as promotoras que non tivesen aprobada unha DIA favorábel perderían automaticamente os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica, o que imposibilitaría continuar coa tramitación do proxecto. Porén, con esta modificación normativa, ese límite temporal trasládase ao mes de novembro de 2022, o que amplía as posibilidades de autorización dunha manchea de parques eólicos, ao tempo que prorroga agonía dos colectivos de afectados/as e das entidades de defensa do territorio, que xa descartabamos a viabilidade de centos de proxectos por incumprimento dos prazos. É un calote en toda regra á cidadanía!

Ademais, unha boa parte dos proxectos que se ven agora beneficiados por este Real-Decreto xa pasaron o trámite de información pública, fase de participación directa da cidadanía que se desenvolveu nun contexto moito menos “relaxado” do que agora establece esta prórroga de prazos para as sucesivas fases do procedemento.

Así pois, temos que para o trámite administrativo de consulta e información pública á cidadanía, os prazos condensáronse e recurtáronse, mentres que para os burócratas e as empresas o tempo para a consulta no órgano ambiental, a emisión de declaración de impacto ambiental ou a autorización, alóngase outros 9 meses.

Leis que recurtan dereitos democráticos

Esta nova modificación lexislativa, desta volta do Ministerio (á demanda das CCAA), volve situar a cidadanía nunha clara situación de indefensión e discriminación con respecto ás promotoras. Esta e outras modificacións lexislativas de urxencia ás que estamos asistindo, non só poñen en evidencia a falta de planificación ou improvisación coa que os gobernos estatal e autonómico pretenden desenvovler as enerxías renovables, senón que están favorecendo claramente os intereses privados á costa de mermar dereitos democráticos e comúns, como é o da participación pública. 

Tanto a Xunta como Ministerio están promovendo mudanzas normativas que alteran o procedemento administrativo relativo á autorización de proxectos de enerxías renovables en dous sentidos: Ampliando os prazos administrativos relativos á adquisición de autorizacións por parte das empresas e recurtando á metade os prazos de participación pública da cidadanía. Normas que colisionan perigosamente con dereitos fundamentais da cidadanía e que poñen en risco a boa saúde dun estado pretendidamente democrático.

Por outra banda, que sentido ten aprobar leis de “axilización” ou “simplificación” administrativa para o sector, cando logo estas normas se corrixen á carta a través de reformas da normativa sectorial ou da aprobación de prórrogas arbitrarias? Estase a demostrar que este tipo de leis só serven de facto para mermar os dereitos democráticos e de participación pública dos cidadáns, tal e como xa lle advertira ADEGA á Valedora do Pobo en xuño do ano pasado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s