Non imos calar: Eólica así non!

A Coordinadora Eólica Así Non! organizamos para o mércores 23 de marzo ás 12h. unha concentración diante do Parlamento galego polo dereito á información e á participación da cidadanía.

Manifesto

A cidadanía galega está sendo silenciada e condenada ao ostracismo máis absoluto. Vemos como se nos furtan dereitos fundamentais como o de participar democraticamente en asuntos de fondo calado socio-económico e ambiental decisivos para o noso futuro como sociedade. A chamada transición ecolóxica, inevitábel e necesaria, converteuse na escusa perfecta do Capital para seguir destruíndo o territorio, no canto de constituír unha oportunidade de avanzar cara a un mundo máis xusto, ecolóxico e resiliente frente o cambio climático.

A actual invasión eólica, dirixida polas elites empresariais enerxéticas que desprezan o noso país, é proba dos abusos aos que nos vemos sometidas. Constitúe o cerne dos recentes recortes democráticos e de sometemento das políticas públicas aos intereses das grandes corporacións multinacionais. E o goberno da Xunta de Núñez Feijóo, non só consinte as practicas antidemocráticas do Capital sobre o noso pobo, senón que tamén as promove. A Xunta aproveitou o efecto desmobilizador da pandemia para apurar a tramitación de centos de proxectos industriais especialmente controvertidos e impactantes co noso territorio. Ao tempo, as persoas afectadas e as organizacións sociais non podiamos reunirnos, nin celebrar asembleas, nin acudir ás institucións, nin consultar expedientes nas dependencias das administracións, nin movernos libremente polo territorio. Daquela, xa denunciabamos o trato privilexiado que a administración galega estaba dando ás grandes empresas fronte as persoas.

O goberno galego do PP fixo oficial a súa cruzada contra a participación social coa aprobación da coñecida “Lei de Depredación” de 2017. Esta norma, xunto co uso espurio das leis de acompañamento, foi o reforzo dunha carreira de fondo da Xunta de Galiza cara a privatización dos recursos públicos e o illamento da sociedade de toda planificación pública. A lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais foi tramitada de urxencia no parlamento, sen exposición pública, sen alegacións, sen os ditames de organismos consultivos e de control da legalidade. Esta lei converteuse nunha patente de corso sobre o territorio para as empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas. Eliminou garantías ambientais, recortou prazos de consulta e participación pública, socavou competencias municipais, favoreceu a expropiación de terras e outorgou de novo privilexios a certa caste empresarial para facer e desfacer á súa vontade en “aras” dunha suposta “utilidade pública”… Un eufemismo que agocha as verdadeiras intencións espoliadoras do Capitalismo máis salvaxe.

En 2021, Núñez Feijóo, facendo uso de novo da súa maioría absoluta no Parlamento de Galiza, volveu saltarse todos os controis democráticos do procedemento lexislativo para aprobar unha segunda “lei de depredación”: a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica… Outro golpe de estado administrativo destinado a favorecer a espoliación do país, que desta vez tenta xustificarse na suposta necesidade de recuperar do tecido empresarial galego tras a pandemia. Mais, que ninguén se leve a engano: As leis de depredación de Feijóo só benefician ás corporacións multinacionais que apenas xeran emprego local e que procuran o seu beneficio á costa da destrución social e da depredación ambiental. En definitiva, empresas que responden ao modelo industrial que propugna Feijóo para Galiza: o modelo “colonial”. O mesmo ao que Feijóo quere destinar os Fondos Next Generation con proxectos “tractores” ou “estratéxicos” sobre os que a cidadanía galega non vai ter nin voz nin voto.

A Xunta está a excluír os galegos e galegas do deseño do futuro do país, mesmo vetando a nosa participación nos organismos consultivos. Impediu que as entidades ecoloxistas puidesen participar no Observatorio da Eólica Mariña, un órgano creado teoricamente para pulsar a opinión pública sobre o desenvolvemento deste tipo de enerxía. E, recentemente, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, abandonou a última sesión do Consello Galego de Medio Ambiente ao ser interpelada polas organizacións ecoloxistas e sindicais para someter a votación a moratoria eólica, impedindo na práctica tal votación. Un comportamento impropio dunha representante pública que pon en dúbida a boa saúde dun goberno democrático e que evidencia un desprezo absoluto polos instrumentos de participación pública e social.

Porén, pese ao que promulga a Xunta, a participación democrática da sociedade non só debe limitarse aos períodos de exposición pública ou aos procesos electorais. As galegas e galegos temos dereito a participar na elaboración das leis e dos instrumentos de planificación, no deseño de programas e proxectos e na vixilancia e promoción dun correcto funcionamento democrático das institucións públicas. Algo que a Xunta intenta evitar poñendo sucesivos atrancos administrativos que atentan cada vez con máis claridade contra o Convenio de Aarhus, as directivas e leis de acceso e participación pública e as normas de transparencia e bo goberno.

Todas e cada unha das entidades e colectivos que subscribimos este manifesto temos e tivermos dificultades para acceder en tempo e forma a información pública relativa a proxectos eólicos en tramitación. Ben pola vía do silencio administrativo, ben pola vía da dilación do trámite, ou da denegación por motivos inxustificables, a Xunta incumpre a súa obriga de dar acceso á información, obrigándonos sistematicamente a acudir á Valedora do Pobo, e con poucas garantías de reparación.

Ademais de preparar normativas ad hoc para as grandes empresas, recortar garantías ambientais, poñer atrancos ao acceso á información, impedir a participación social e non respectar os órganos de consulta, a Xunta tamén fixo ouvidos xordos ás manifestacións multitudinarias do ano pasado que reclamaron a paralización inmediata desta vaga de macroproxectos eólicos e a elaboración dun novo Plan Eólico, participado, democrático, compatible co medio ambiente galego e xusto coas persoas.

Milleiros de galegos e galegas mobilizámonos o pasado 5 de xuño en Santiago de Compostela e o 11 de decembro en máis de 22 localidades cabeceiras de comarca para reclamar a moratoria eólica, pero non fomos escoitadas. Mais, non imos calar! Non nos cansamos de lembrar que o Plan Eólico de Galiza está obsoleto, non está adaptado á normativa actual e tampouco foi sometido a Avaliación Ambiental Estratéxica, polo que non conta con ningunha garantía ambiental nin co aval social do pobo galego. Tampouco respecta a opinión doutras institucións como o Consello da Cultura Galega que nun recente informe urxía unha moratoria na autorización dos parques para poder revisar o Plan Sectorial eólico de Galiza e sometelo a avaliación ambiental estratéxica.

Reclamamos unha moratoria para todos os proxectos, unha de verdade e non a falsa moratoria de Núñez Feijóo. Esa que está baleira de contido, que non terá efecto sobre ningún dos 275 proxectos eólicos que agora se atopan en tramitación, e que só se aplicará á discreción da Xunta. Así pois, todo proxecto industrial declarado de “interese especial” poderá eludir a moratoria e, incluso, instalarse fóra das áreas de desenvolvemento eólico recollidas no Plan Sectorial. Tal é a desvergoña da Xunta que, mesmo, se atreve a saltarse as súas propias normas e planeamentos sen o máis mínimo pudor institucional diante do Parlamento e da sociedade que di representar.

Pero, non imos calar! Non só ás organizacións sociais, ecoloxistas, sindicais, culturais, veciñais ou de afectadas, reunidas na Coordinadora Eólica Así Non, denunciamos o déficit democrático que o pobo galego está a sufrir coa actual vaga eólica. A Xustiza tamén nos dá a razón! Unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de anular a autorización dun parque eólico por considerar contraria a dereito a redución á metade dos prazos de consulta pública do estudo de impacto ambiental. Por esta razón e por someter o proxecto a exposición pública sen os informes sectoriais, o tribunal acusa á Xunta de vulnerar dúas directivas europeas e a lei estatal en materia de avaliación ambiental. Outro recente fallo do Tribunal Superior acusa a Xunta de delegar en axentes externos a elaboración de informes técnicos que corresponden á función do persoal funcionario. A privatización da función pública é unha manobra clásica do PP que agora pretende xeneralizar a través da lei de simplificación administrativa, mesmo deixando en mans das empresas promotoras a avaliación, autorización e seguimento dos seus propios proxectos.

Fronte a esta involución democrática e o espolio ambiental de Galiza debemos reaccionar! Non podemos calar! Por iso, esiximos do Presidente da Xunta e do seu goberno:

  • A declaración dunha moratoria real na tramitación de parques eólicos, tanto para os novos como para os que actualmente se atopan en tramitación.
  • O inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica dun novo Plano Sectorial Eólico que permita avaliar os seus efectos ambientais e sociais coa participación real e directa da cidadanía.
  • A derrogación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e da Lei de simplificación administrativa por supoñeren unha restrición dos dereitos democráticos da cidadanía.
  • A tramitación urxente dunha proposta de ampliación da Rede Natura 2000 como ten demandado a Comisión Europea para excluír do aproveitamento enerxético os hábitats máis sensibles e protexer os servizos ecosistémicos que prestan á sociedade.
  • A inclusión de representantes da cidadanía e colectivos sociais no Observatorio da Eólica Mariña.
  • A convocatoria urxente dos demais organismos consultivos para abordar a problemática eólica e as consecuencias da mudanza climática e a transición enerxética.
  • O cumprimento exhaustivo da normativa europea, estatal e galega en materia de acceso, participación pública, transparencia e bo goberno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s