A XIII PRIMAVERA EN RUTA está preparada para saír ao encontro da aprendizaxe co entorno e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos como principal obxectivo.
O Espazo da Natureza de Oza recibiu a medio cento de persoas para acoller de xeito especial o inicio dunha nova edición do programa máis antigo e emblemático de Senda Nova. O nexo de Senda Nova co sendeirismo consciente é un aval dende os inicios da entidade. Pero a Primavera en Ruta segue a representar un cúmulo de esforzos. A posibilidade de xuntarse en proxectos co obxectivo común da posta en valor do patrimonio a través de itinerarios deseñados para tal efecto. Percorridos que se fan vellos coa análise anual, en moitos casos, das desfeitas.
No acto estivo presente a rapazada da Escola Ambiental, que foi protagonista dun interesante percorrido guiado polas súas instalacións e actividades. Dende o pulo e a enerxía da xente nova, as rapazas e rapaces transmitiron ao conxunto de asistentes información sobre a horta ecolóxica que se multiplicou en relación con anteriores edicións. Tamén sobre o resto de actividades desenvoltas no Espazo da Natureza e fora del.
Dende a entidade queremos agradecer a cada un dos esforzos que suman no proxecto. Dende o Voluntariado de Senda Nova pasando polos concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Zas, así como a agrupación de Protección Civil de Carballo.
