O Concello de Vilaboa e Vaipolorío traballan na recupoeración do Muiño do Toxal

O alcalde, César Poza, comprométese co colectivo a buscar vías de financiación para recuperar esta “xoia arquitectónica, única en Vilaboa á beira do Gafos”

O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo estes días un encontro con responsables da asociación Vaipolorío para valorar as posibilidades de recuperación do muíño do Toxal, único das súas características situado ao pe do río Gafos no termo municipal de Vilaboa, concretamente no núcleo de Santa Marta, en Bértola.

A estrutura do muíño está en pé, máis en avanzado estado de deterioro polo que urxe unha actuación de recuperación que garanta o futuro deste importante recurso patrimonial en Vilaboa, do que xa hai referencias claras na documentación catastral do Marqués da Ensenada de 1749.

O alcalde de Vilaboa comprometeuse cos directivos de Vaipolorío a buscar alternativas para a financiación dos traballos e garantir a perpetuidade deste muíño, sempre despois de ter localizado aos lexítimos propietarios e acadar o seu consentimento para actuar sobre el.

Trátase dun muíño pertencente á modalidade de rego dunha única moa; unha edificación simple que acolle un complexo dispositivo mecánico accionado pola forza da auga. Está composto por unha presa, que ten por obxecto captar a auga do río; a levada, que conduce a auga da presa cara o muíño salvando o desnivel do terreo; a canle, que conduce a auga cara o rodicio; unha roda hidráulica con paletas curvas e un eixe vertical que move a moa; e a edificación do muíño propiamente dita, un sinxelo edificio de planta rectangular duns 8 metros cadrados de superficie, cuberto por un tellado a unha auga constituído por paredes de cantería irregular nos que unicamente se practican dous vanos, un para acceder e outro para levar luz ao interior.

Para César Poza trátase dunha xoia arquitectónica e patrimonial “que fala de nós, da nosa cultura e das nosas tradicións”, polo que “imos explorar diferentes vías que nos permitan recuperar ese importante activo da nosa identidade”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s