O fracaso de SOGAMA coloca a Galiza terceira pola cola en reciclaxe de residuos no Estado

Liderada a xestión de residuos pola Xunta e SOGAMA, Galiza atópase á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo actualmente os obxectivos da lexislación para 2020, segundo os datos do MITECO, e sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030. De forma anacrónica, a maior parte dos investimentos recentes da Xunta destináronse a recuperar residuos da bolsa negra, o que permitiu pasar dun o irrisorio 1,8% de reciclaxe en SOGAMA no ano 2000 a un total do 4,7% en 2019. Co 82,5% da poboación galega adscrita, SOGAMA determina os resultados medios galegos. A situación fica claramente posta de manifesto polos últimos datos dispoñíbeis a nivel estatal, nos que Galiza pasou de cuarta (2018) a terceira (2019) pola cola en reciclaxe, só despois de Melilla e Asturias.

Unha análise polos diferentes ámbitos de xestión mostra como os tres ámbito están moi igualados en canto a recollida separada en orixe de P/C e vidro, o que achega un 8% de reciclaxe dos RM, de media a nivel galego. As diferenzas aparecen pola achega das plantas de tratamento (isto é, dos complexos medioambientais de SOGAMA, Lousame e Nostián), cunha achega media total á reciclaxe doutro 5,5% dos RM de Galiza, incluíndo residuos de envases e outras fraccións secas, a parte de vidro e P/C. Así, a reciclaxe atinxiu un total de 13,5% dos residuos en 2019. Mais en 2019 a achega de cada planta mostraba grandes diferenzas, con resultados moi pobres para SOGAMA (4,7% de todos os RM do ámbito), e máis positivos para Nostián (8,5%) e sobre todo para Barbanza (13,6%).

Polo que atinxe ao tratamento en planta, a compostaxe e a biodixestión tamén contribuíron á reciclaxe nos ámbitos Nostián (34,9% dos RM) e Barbanza (12,9%). Sumando estas cifras ás de reciclaxe das fraccións secas, unicamente o ámbito Nostián (52% de reciclaxe en 2019) tería acadado os obxectivos da normativa para 2020 (50% de reciclaxe), mentres Barbanza ficaría no 35,2% e o ámbito SOGAMA no 12,6%.

O fracaso do contentor amarelo de ECOEMBES e a teima da Xunta en favorecelo

Os datos do MINECO amosan que o contedor amarelo de ECOEMBES, trás 24 anos de experimentación e operación, conseguiu unicamente captar o 19,3% da masa en bruto dos residuos de envases xerados no ámbito SOGAMA. Pero como se detalla no propio informe do MINECO, o 33,4% dos residuos recollidos nese contedor amarelo de SOGAMA acaban na incineradora xunto coa fracción resto. Ao descontar eses materiais impropios ou non clasificados para recuperación na planta de selección de SOGAMA, a porcentaxe derivada de reciclaxe cae ao 11,2% dos residuos de EnL (Envases Lixeiros) xerados no ámbito SOGAMA. Comparativamente, cos mesmos datos do MINECO para os envases lixeiros, o modelo húmido-seco de Barbanza e Nostián indican que Nostián recupera o 48,9% e Barbanza o 57,7%, facendo uso dun único contedor e circuíto de recollida para a fracción seca (FIRM).

No ámbito SOGAMA (que polo seu tamaño determina as medias de Galiza), a cantidade de residuos recollidos no contedor amarelo foi aumentando desde as 13.200 t de 2003 até as 31.194 t de 2020, mentres a recuperación en planta de residuos de envases a partir deste contedor amarelo pasou de 5.316 t a 19.339 t nese mesmo período. Poderiamos pensar que se trata dunha evolución positiva mais compre ter en conta que o resultado final en 2020 foi de tan só a recuperación do 11,2% dos residuos de envase xerados no ámbito SOGAMA. De seguir esta tendencia, noutros 20 anos de “melloras” acadaríamos o 20% de recuperación destes materiais! Sumando as dúas vías de recuperación, da bolsa amarela e da bolsa negra, a reciclaxe obtida por SOGAMA foi aumentando desde o 1,5% en 2003 até o 8% en 2020. Mentres, o vertido de residuos na Areosa ainda rexistrou o 30% do total en 2020, sumando nada menos que 6,5 millóns de t acumuladas desde 1995.

Concluímos por tanto que o modelo de contedor amarelo de SOGAMA, tras máis de dúas décadas de funcionamento, fracasou completamente no obxectivo de poder cumprir os requirimentos legais de reciclaxe destes residuos. Dada a lonxitude dos circuítos de recollida, a baixa densidade dos EnL, a baixa taxa de captación, e o uso de vehículos de combustión, este modelo debería mudarse radicalmente porque arestora, e malia á propaganda da Xunta, está fóra dos requerimentos da economía circular.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s