Declárase extinguida a concesión do aproveitamento de Sela, o Miño libre de encoros no seu treito final

O Grupo Ecoloxista ADENCO vén manifestar a súa satisfacción pola resolución do Ministerio de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico na que se declara extinguida a concesión dun aproveitamento de augas con destino á produción de enerxía eléctrica no Minho internacional, o coñecido como encoro de Sela.

[Pode consultarse esta información no BOE do 27 de agosto do ano en curso]

Logo de máis de 40 anos da declaración da concesión e dunha intensa loita a todos os niveis por diferentes organizacións do tecido social galego, o Minho pode considerarse, no seu treito final, un espazo libre de encoros. Esta última ameaza puña en perigo un espazo de grande valor natural, incluído na Rede Natura 2000, cunha altísima biodiversidade á que se asocia un legado patrimonial físico e inmaterial de indubidable valor, aos dous lados dunha fronteira líquida e permeable historicamente.

Este treito de río foi punto de paso histórico, a nivel comercial, legal e alegal, orixe de relacións sociais, aínda hoxe vivas, con historias que organizacións sociais das dúas marxe puxeron en valor desde hai anos, así como o inmenso valor das pesqueiras da lamprea e doutros peixes, construcións singularísimas pendentes de protección real.

Disolución da Plataforma en Defensa do Minho e acto final

Desde o Grupo Ecoloxista ADENCO promoveremos unha reunión da Plataforma cívica en Defensa do Minho para proceder á disolución do colectivo, que se formalizou no 2006 para loitar contra ese proxecto, presentando alegacións ás modificacións realizadas por FENOSA para poder construír tres encoros no canto dun só. Ademais, a plataforma organizou, xunto coas cámaras municipais portuguesas, actos en defensa do río, chegando a reunirse co presidente da Confederación, daquela en Oviedo, e logo en visita ao Baixo Miño, para abordar esta cuestión.

Finalmente, ADENCO agradece, novamente, o traballo inmenso de tanta xente e colectivos, e lamenta que haxa xente boa e xenerosa que non poida ver este fin, como o Ignacio Gago de Arbo, firme defensor do Minho e pioneiro na loita pola súa protección integral. Vaia este resultado no seu recordo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s