15 anos do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e de inacción administrativa

Esta semana, cúmprense 15 anos da aprobación do Decreto 88/2007, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (no sucesivo CGEA). Eran 193 especies de animais e plantas as listadas, 74 delas En perigo de extinción e 119 Vulnerables, isto é, no chanzo previo a perigo de extinción.

Nesta década e media houbo unha actualización do CGEA, realizada en agosto de 2011, que ampliou a 126 as especies Vulnerables. O CGEA de 2007 mellorou substancialmente a calidade dun documento previo, de xuño de 2004, que incluía na lista galega aves como o pimpín azul de Gran Canaria Fringilla teydea polatzeki (endémica desta illa canaria, e nunca citada en Galiza), ademais de especies “de interese especial tampouco citadas en territorio galego (por exemplo, aves como o cirrio unicolor Apus unicolor, o cirrio cafre Apus caffer e o peto de dorso branco Dendrocopos leucotos, e mamíferos como o morcego patudo Myotis capaccinii, entre outras).

Omisións chamativas, inclusións discutíbeis

Así e todo, algunhas das especies incluídas no documento previo de xuño de 2004 foron descartadas en 2007, como por exemplo o cullereiro común Platalea leucorodia, a tartaraña das xunqueiras Circus aeruginosus, o fuselo de rabo negro Limosa limosa e picapeixe común Alcedo atthis. Embora, mantivéronse no CGEA outras especies de aparición irregular en Galiza, e polo tanto de difícil xestión a nivel de conservación, como o miñato real Milvus milvus e a aguia perdigueira Aquila fasciata. Mesmo se incluíu o morcego rateiro mediano Myotis blythii, especie con só un rexistro en terras galegas, sen confirmación por xenética e para a que “non está clara a fiabilidade desta cita”. A inclusión do nóctulo mediano Nyctalus noctula na actualización do CGEA de 2011 foi tamén discutida.

Un grande obxectivo incumprido no inicio

Con esas luces e sombras, o CGEA foi adiante hai xusto 15 anos. As intencións eran nobres e ilusionantes para o naturalismo galego: no decreto 88/2007 afirmábase que “A conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debe de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente”, engadindo que “(…) se debe prestar unha atención preferente (…) a conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer”. Este grande obxectivo non se cumpriu, se ben estaban especies “necesitadas” de protección efectiva (esencialmente todas as do CGEA, coa salvedade desas de aparición irregular ou de presenza non confirmada), outras foron ignoradas a pesar de traballos que advertían do seu declive.

No caso das aves, a publicación en 2004 do Libro Rojo de las Aves de España provía abondosa información sobre especies de aves de Galiza que ben puideran entrar no CGEA como Vulnerables, como a mobella grande Gavia immer ou a rula europea Streptopelia turtur.

Evidencias do impacto da desprotección

No artigo 15º do Decreto 88/2007, relativo aos plans, afírmase no apartado 1: “A catalogación dunha especie implicará a elaboración dalgúns dos seguintes plans: a) Plans de recuperación, para as especies en perigo de extinción; b) Plans de conservación, para as especies vulnerables”. E no artigo 17º, do procedemento de aprobación dos plans, no apartado 1 dise: “A iniciación e a proposta de aprobación dos plans de xestión das especies catalogadas como ameazadas corresponde á consellería competente en materia de conservación da natureza”.

En 15 anos do CGEA, o Consello de Goberno galego só aprobou dous plans de recuperación e un de conservación, ademais de “revisar” un plan de recuperación. Isto equivale a que desde 2007 aprobáronse os plans para apenas o 2,7% das especies En perigo de extinción e para o 0,8% das Vulnerables. A destacar, licitouse unha vintena de asistencias técnicas para máis de 50 especies catalogadas no CGEA, que “dormen” nun caixón sen ser aprobadas (i, ii).

Neste impás, algunhas das especies catalogadas están a experimentar unha diminución poboacional importante: a tartaraña cincenta Circus pygargus, por exemplo,ten experimentado un declive de entre o 59 e o 81% entre 2006 e 2017 en Galiza, e a gatafornela Circus cyaneus entre un 70 e un 90% (i, ii, iii), sendo a perda de hábitat por cultivos forestais e agrícolas insustentables unha das principais causas desta dramática situación.

Novas ferramentas sen visos de se aplicar en Galiza

A recente publicación do Libro Rojo de la aves de España e do III Atlas de las aves en época de reproducción en Españapoñen o foco na recente evolución poboacional e da área de distribución das aves a nivel do estado español, con datos de interese para Galiza. Así, por exemplo, aves como os picanzos real Lanius meridionalis e de cabeza rubia Lanius senator e o falcón pequeno Falco subbuteo están catalogados no novo Libro Rojo como En Perigo de extinción, e a laverca común Alauda arvensis, o picanzo vermello Lanius collurio e o moucho de orellas Otus scops como Vulnerables.Ademais, dúas especies incluídas no borrador de 2004 e excluídas en 2007 do CGEA, o picapeixe común e o fuselo de rabo negro, están clasificadas respectivamente como En Perigo de Extinción e como Vulnerable (non reprodutora) no Libro Rojo de 2021. Todas estas especies teñen experimentado, como outras aves ligadas a medios agrícolas e zonas húmidas, declives importantes nas poboacións e/ou área de distribución a nivel galego e español, e sería recomendable incluílas nos diferentes catálogos de especies ameazadas.

Con todo, a case nula aplicación do CGEA nestes 15 anos de auténtica inacción por parte da Xunta de Galiza fai imposible acubillar esperanzas de aplicación das recomendacións do Libro Rojo en Galiza. A aparente condena á extinción na nosa terra das tartarañas cincenta e gatafornela, vista con pasividade pola administración central, probablemente teña un paralelismo no declive de lavercas comúns, mouchos de orellas e outras aves e, quizais tamén, coa perda das poboacións de anfibios, réptiles, peixes, mamíferos, invertebrados e mesmo de boa parte das plantas nativas de Galiza. Parafraseando á propia Xunta de Galiza, a conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debería de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente. Os datos, de momento, indican o contrario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s